O incremento do número de chamadas ao 016 nas últimas semanas é unha das consecuencias que os especialistas xa prevían cando principiou o confinamento. En Galicia, o Colexio Oficial de Psicoloxía desenvolve dous programas, un para homes e outro para mulleres, que, lembran, están plenamente operativos estas semanas.
Como está afectando o confinamento ás situacións de violencia de xénero?
Os recursos de atención ás mulleres están plenamente operativos, tanto o 016 –para esa primeira chamada– como os programas do Colexio, o de homes con problemas de control de violencia e o de mulleres que a sofren. Hai que subliñar que este último é un servizo secundario de atención, é dicir, ao que chegan mulleres que xa teñen acreditada a situación de violencia de xénero cunha denuncia, unha orde de protección ou un informe. Agora mesmo, a canle pola que teñen que entrar no programa é a través dos Servizos Sociais. Nestes momentos estase facendo atención telefónica e é probable que moitas mulleres se sintan desprotexidas, pero teñen que saber que os servizos seguen funcionando, e que seguimos aí para escoitalas e para poder axudalas na medida do posible dentro de cada recurso.
Como se afronta este problema nesta situación de excepcionalidade?
Se hai unha situación de violencia dentro do contexto familiar, evidentemente o confinamento vai incrementar a probabilidade de que esa violencia estea aí ou mesmo aumente, claro. É certo que, nestes momentos, moitas mulleres ou os fillos e fillas destas mulleres que están vivindo esta situación ao mellor non se senten capaces de poder denunciar, porque non teñen onde ir ou como saír. Desde o Colexio sabemos que unha vez comece a desescalada e vaiamos pouco a pouco retomando unha vida –non vou dicir normal, porque imos tardar bastante– medianamente normalizada, vai haber unha maior demanda, porque evidentemente a tensión estivo aí durante moitas semanas e nalgún momento sairá. Isto é como unha ola a presión: estamos aí aguantando e no momento en que a válvula abra a presión vai ir saíndo.
Están preparados para ese momento que cada vez está máis preto?
Estamos facendo atención por videoconferencia. En casos excepcionais hai terapeutas que si están facendo atención presencial, pero depende da situación de cada profesional, porque non poden pór en risco a súa saúde e a dos seus familiares. Con todo, para as mulleres que non teñen as posibilidades e os recursos, estase facendo un seguimento telefónico. É dicir, non as abandonamos, tratamos de seguir estando aí para dar ese apoio que tanto precisan agora mesmo.
Que consellos lle daría a unha muller que sofre violencia?
Resúltame moi difícil dar esa recomendación así porque dá a sensación de que a estamos culpabilizando a ela da situación de violencia. Se a ela lle digo que intente evitar situacións de violencia, poderíase entender que ela puidera estar provocando esa situación. Eu a mensaxe daríaa aos dous membros da parella: se calquera dos dous estades especialmente nervosos ou alterados, ou percibides no outro que non está nunha situación na que vai poder razonar, que cada un atope estratexias de frear a situación, buscar un tempo fóra, ir a un baño, a unha habitación... No caso das mulleres, que intenten ter o teléfono con elas por se teñen que chamar á Policía ou a un veciño para poder pedir axuda. Pero insisto en que esta mensaxe non é só para elas; a miña obriga é facelos sentir a eles responsables de que tamén poden controlar esa situación. Adoitamos ver os homes como os malos da película, e moitas veces eles non aprenderon a responder doutro xeito e vense nunha situación de violencia cando, se cadra, inicialmente esa non era a súa intención. Eles son os responsables e son os que teñen que aprender tamén a frear, porque as consecuencias tamén as van sufrir eles.
Como están funcionando os programas do Colexio?
No caso dos homes, quen se vexa nunha situación de violencia pode chamar directamente ao programa (630 170 140) e vai ter atención directa e gratuíta. No caso das mulleres, o primeiro é que podan saír, pero, se non poden, os servizos nos que deben pedir axuda en primeira instancia son os Centros de Información á Muller ou as asociacións que traballan neste eido. Se poñen denuncia e teñen orde de protección, poden chamar ao -629 777 595 e alí atendémolas.