“Prefiro condenarme” é a última obra dirixida pola catedrática en comunicación audiovisual Margarita Ledo Andión, con guión desta mesma profesional xunto coa xornalista eumesa Eva Veiga Torre. O Festival Internacional de Cine de Sevilla acolleu o sábado a estrea deste filme de non ficción, que conta a historia vital dunha mariscadora de Maniños, Sagrario, que chegará a salas coma o Duplex o vindeiro venres 22.
Hai tres anos foi “cando me empezou a rosmar na cabeza” o relato dunha muller cun “marido que a maltrata co pequeno raño de coller ameixa e berberecho”, aló pola década dos 60. Este dato impactante sumouse ao do xuízo por adulterio ao que tivo que someterse Sagrario en 1972, do que resulta absolta polo tribunal eclesiástico compostelán, o que sorprendeu enormemente a Ledo. Esta peza recupera, pois, un material que “pasa a formar parte do acervo do cine galego”, de xeito que se evita o seu esquecemento ao trasladarse ao presente, segundo explicou a directora.
“Todo o que se conta é tal como pasou”, advertiu a cineasta, para o que non so se somerxeu en arquivos, senón que tamén tivo que coñecer á propia Sagrario, tanto para recibir o seu permiso como para observar as súas características. En relación con isto, Margarita Ledo parafraseou ao director portugués Manoel de Oliveira, “filma a fala como se filma un rostro”, xa que a voz “é unha película na que a voz é importantísima”, declarou.
A rodaxe realizouse por lugares vinculados á biografía da protagonista, como son Maniños, o barrio de Recimil ou Covas, entre outros. “É a primeira vez que traballo na zona, que non era moi coñecida para min a nivel físico, e foi dunha xenerosidade e comprensión do que estabamos a facer fantástica”, valorou, especialmente tratándose dun equipo con recursos limitados, nomeando, entre outros, a Juan da carpintería de Nogueirosa, e referenciando o apoio dos Concellos de Pontedeume, Fene e Ferrol.
“Fai falta ir ao cinema para apoiar o cine próximo, en lingua galega e de muller”, concluíu Ledo, animando a asistir á estrea, que no caso do Duplex contará con presentación das artífices. Así mesmo, tamén advertiu que, a pesar do crú da historia, na película “aparece sempre unha raiola que nos fai seguir adiante, como a propia personaxe”.