María José Servia: “Para poder controlar o impacto da velutina é imprescindible máis investigación”

A conferencia é a primeira do novo curso, dirixido pola UDC
María José Servia: “Para poder controlar o impacto da velutina é imprescindible máis investigación”
Exponav acollerá a conferencia de Servia I UDC

Con “Mercadorías ou polisóns? A historia dalgunhas invasións biolóxicas”, a investigadora e profesora da Facultade de Ciencias da UDC María José Servia inaugurará este xoves ás 19.00 horas en Exponav o curso da Cátedra Jorge Juan, que até o vindeiro mes de outubro estará dirixido, a través da profesora da Politécnica Sonia Zaragoza, pola institución académica. 


Servia abordará tres casos, mais antes quere facer unha puntualización. “Inicialmente son especies exóticas”, explica, “pero algunhas delas acaban sendo invasoras. Algunhas naturalízanse –exóticas– pero cando teñen un impacto negativo e as súas poboacións medran moito é cando falamos de especies invasoras”.

 

O caso da velutina é o máis evidente de especie invasora que hai na actualmidade, pero hai precedentes anteriores e de certa relevancia, non si?
Na conferencia vou utilizar tres exemplos que en maior ou menor medida teñen relación co transporte de mercadorías ou coa navegación, que é o marco no que encadramos a temática da Cátedra Jorge Juan este ano. Un exemplo vai ser o da velutina porque a súa chegada a Europa foi a través dun mercante procedente de Asia, pero tamén vou tratar o caso da lamprea mariña, que aquí é unha especie autóctona pero nos Grandes Lagos de Norteamérica é invasora por mor da construción de canles para o transporte de mercadorías. Non foi transportada directamente nos barcos, pero a apertura de canles que comunican distintos ríos cos Grandes Lagos favoreceu a súa chegada a sitios onde non estaba presente antes, polo que agora alí é invasora.

 

É dicir, non só houbo eventos accidentais, senón que tamén os houbo intencionados... 
Exactamente. Está o cangrexo americano de auga doce, que é o terceiro exemplo do que vou falar, que foi unha especie introducida realmente cunha finalidade, e respaldada pola administración, mesmo con asesoramento de expertos. Naquel momento non se preveu que podía causar tanto impacto e que ía ter unha capacidade tan grande de adaptación aos novos medios e converterse en invasora. É un exemplo que temos moi presente aquí, na Península Ibérica.

 

É inevitable que unha vez que o transporte marítimo é tan global haxa casos deste tipo?
É inevitable que siga habendo máis chegadas de especies exóticas. Desas, algunhas poderanse converter en invasoras, e un dos grupos máis problemáticos é o dos himenópteros, ao que pertencen, entre outras, as avespas, as abellas e as formigas. O peso do comercio de mercadorías é moi importante e é moi difícil evitar que cheguen algunhas desas especies. Se é imposible controlar todas as especies invasoras? Si, reverter a situación é imposible case sempre. Hai algúns casos de éxito, poucos, non tanto no que se refire á erradicación total, senón de control, é dicir, conseguir manter as poboacións nuns niveis que mitigan un pouco o impacto. Por exemplo, no caso da lamprea mariña dedicáronse en Norteamérica moitos millóns de dólares ao control da especie. Non conseguiron erradicala, pero si baixar o número de individuos, de tal xeito que hoxe en día as poboacións de peixe que eran atacadas pola lamprea están recuperándose.

 

E no caso da velutina vai ser posible controlala?
Para controlala vai ser imprescindible máis investigación. Hai grupos que están traballando en  avances concretos que poden mellorar o seu control. Eliminala, co que hai agora mesmo, é irreal. Mesmo o control da poboación, cos recursos e técnicas dispoñibles, tamén é tecnicamente imposible, mais si se pode ir avanzando na protección de recursos que se están vendo afectados pola velutina. Aí si se poden de-señar estratexias que permitan protexelos, como xa está a pasar na apicultura, na viticultura e noutros eidos, pero isto non se vai conseguir a custe cero: hai que investir. 

María José Servia: “Para poder controlar o impacto da velutina é imprescindible máis investigación”

Te puede interesar