Dous días despois de que a Real Academia Galega celebrase en Compostela, e non na cidade natal do homenaxeado, o acto central das Letras Galegas dedicadas este ano ao ilustre ferrolán Ricardo Carvalho Calero, o alcalde de Ferrol reiteraba onte o malestar da cidade que en 1910 veu nacer ao escritor e profesor polo proceder da RAG arredor da conmemoración.
Incidiu na reclamación de extender a 2021 o Ano Carvalho Calero e considerou como “unha falta de respecto” o traslado a Santiago do pleno extraordinario, acto que, ata este 2020 –marcado pola pandemia da Covid-19– sempre tivo lugar na localidade natal da figurá á que se rende tributo.
“Insisto nese malestar que quero expresar como alcalde en nome de toda a corporación” e de todos os colectivos que desde maio solicitan a extensión do recoñecemento ao vindeiro ano. Neste sentido, o rexedor avanzou o seu compromiso de que “o vindeiro ano, polo menos aquí, na súa cidade natal, sexa o ano dedicado a Carvalho Calero”, comentou,. “Na medida das nosas posibilidades, o vindeiro ano, e queremos empezar hoxe con esta exposición, trataremos de facerlle xustiza ao primeiro catedrático de Literatura Galega aquí, na súa cidade, en Ferrol”, engadiu.
Mato fixo estas declaracións no decurso da inauguración da mostra organizada pola Deputación da Coruña para pór en valor o legado do autor e que permanece instalada ao aire libre, na Praza de Armas.
O acto contou atamén coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que manifestou o seu desexo de que a iniciativa sirva para reivindicar a súa figura como un dos grandes persoeiros da cultura galega e a súa estreita vinculación con Ferrol. A Diputación tiña claro que a mostra tiña que arrincar en Ferrol, comentou a deputada María Muíño. Lembrou ademais que foi ideada para que comezase a pecorrer en maio diferentes cidades, o que non foi posible por mor da pandemia do coronavirus.