O vindeiro 21 de maio cúmprense douscentos anos do nacemento do historiador, escritor e xornalista Benito Vicetto –1824-1878– e a sociedade cultural Medulio e mais a asociación Ferrolterra Antiga promoven unha serie de iniciativas encamiñadas non só a difundir a súa obra e importancia na Galicia do seu tempo, senón tamén a rehabilitar a súa figura na cidade que o viu nacer e morrer.
A presidenta de Medulio, Elia Rico, e o secretario de Ferrolterra Antiga, Antonio Casal, presentaron onte o programa, que se divide en dúas partes. A primeira, as xornadas que desde o 5 de marzo até o 7 de maio –o martes 5 e 12 de marzo, 9 e 23 de abril e 7 de maio– abordarán a importancia de Vicetto como historiador, como xornalista e activista social e político e como autor de ficción. Todas elas terán lugar ás 19.30 horas no edificio do Antigo Hospicio.
Mais a iniciativa destas dúas entidades non se cingue ao divulgativo. Dese xeito, teñen elaborado unha moción ao pleno do Concello para traballar na difusión da obra de Vicetto e declaralo fillo predilecto atendendo “á súa contribución na recuperación da memoria histórica da nación galega como autor da que se pode considerar primeira Historia de Galicia, que, ademais, foi editada en Ferrol” na imprenta de Taxonera.
Este é un dos primeiros acordos que se demandarán da corporación, mais non o único. “Queremos que se restaure o seu busto, localizado no parque Raíña Sofía, e que se coloque unha nova placa, en substitución da actual, na rúa que leva o seu nome no barrio de Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente e acompañada dunha pequena información sobre a súa obra e persoa”, sosteñen. Por último, Medulio e Ferrolterra Antiga piden “a revisión do estado actual da súa tumba en Catabois e unha ofrenda floral con motivo do bicentenario do seu nacemento”.
O secretario de Ferrolterra Antiga lembraba onte que a idea de reivindicar a figura de Vicetto é un proxecto que ten a súa orixe anos atrás. “Organizaramos unha homenaxe na que basicamente falaramos da súa `Historia de Galicia´, centrados sobre todo na Idade Media, e desta volta acordamos facer algo de maior magnitude. Merece a pena facelo”. “É o primeiro historiador de Galiza”, lembrou Elia Rico, que considera que Vicetto “en Ferrol ten que ter unha importancia extraordinaria porque puxo a cidade no mapa. Non entendemos como está así de esquecido e ignorado”.
As organizadoras fan un chamamento a outras entidades para que fagan os seus propios actos e ofrecen a súa disposición a colaborar.
O primeiro relatorio será o 5 de marzo e consistirá nunha mesa redonda que abordará a concepción historiográfica do protagonista, contida na súa “Historia de Galicia”. Neste caso falarase sobre a súa visión a respecto da Historia Antiga e Media de Galicia e nela intervirán Antonio Casal, Alexandre Peres e Francisco Rodríguez. A segunda, prevista para o 12 dese mesmo mes, estará centrada nos períodos moderno e contemporáneo, coa participación de Manuela Santalla e Rubén Labisbal.
En abril as xornadas dedicaranse a analizar o seu labor como xornalista e activista. O 9 de abril intervirán Esperanza Piñeiro, Juan Renales e Xosé Fandiño para tratar o contexto biográfico, mentres que o 23 Germán Castro e Guillermo Llorca se centrarán na súa traxectoria como xornalista.
Para o 7 de maio queda a súa faceta literaria, desde a lírica até a narrativa, pasando pola súa faciana de autor teatral. Nesta participarán Pilar García Negro, Elia Rico, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Rei.