Moncho Borrajo | "Con Ferrol sempre tiven unha relación moi amable"

Moncho Borrajo | "Con Ferrol sempre tiven unha relación moi amable"
Moncho Borrajo actúa esta tarde no teatro Jofre

Defende no seu libro “El opúsculo Borrajo” que o humor é “menciña e arma, arma para atacar aos poderosos, pero non só agora, desde sempre, desde Sófocles”. El leva facendo rir desde hai 51 anos, ou, como reza o nome do seu espectáculo, "50+1". Toda unha vida nos escenarios para este ourensán de 73 anos que hoxe, logo de moito tempo, regresa á cidade naval. “Con Ferrol sempre tiven unha relación moi amable, moi directa. Síntome moi querido pola súa xente”, di Moncho Borrajo.


Lembra con moito agarimo a súa participación nunha das primeiras edicións das Meninas de Canido ou as exposicións que celebrou no seu momento na galería Sargadelos e no Museo Naval. Salienta así mesmo a marabillosa acústica do Jofre, “unha das mellores de España”. Nese escenario achegará esta tarde (19.00 horas) ao público un espectáculo con pequenos monólogos nos que non faltará a política e outros temas de actualidade, no que haberá algunha que otra dose de improvisación, tamén baile e un verso como colofón final, escrito polo propio artista, titulado “Soy mayor, pero no viejo”.


Experiencia

E, como á marxe da idade física é a mental a que, a miúdo, máis axuda á hora de empurrar a vida, Borrajo continúa activo nos escenarios e fóra deles para seguir acumulando anos e experiencias nunha mochila na que, no último século, foi gardando as súas variadas achegas ao mundo da arte a través do humor, a pintura, a escritura ou o teatro.


Hoxe tratará de animar ao público ferrolán nun “show” cen por cen Borrajo no que o humor, de novo, será o protagonista. “O humor é unha cousa que te regala o cerebro, e se o teu cerebro non te regala o humor, vas estar amargado toda a túa vida”, asevera.

Moncho Borrajo | "Con Ferrol sempre tiven unha relación moi amable"

Te puede interesar