O Museo do Humor de Fene acolle a entrega de premios Demo Pequeno

O Museo do Humor de Fene acolle a entrega de premios Demo Pequeno
Unha das integrantes do xurado, Inés Vázquez, estará entre os participantes na inauguración da mostra | CEDIDA

A segunda edición do Concurso de Banda Deseñada de Humor Demo Pequeno concede os galardóns esta tarde de venres, ás 18.00 horas, no museo fenés Xaquín Marín. O encontro aproveitarase para inaugurar a mostra das obras que enviaron os participantes, que estará dispolible até o día 31 de xullo.


Como adianta o nome do concurso, trátase dunha iniciativa organizada polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, que recibiu arredor de 60 traballos, que son os que compoñen a exposición, realizados por rapaces de entre 8 e 16 anos, e que foron divididos en dúas categorías. Os candidatos debían debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica e facelo cun enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”.


O acto de entrega de premios, que está aberto ao público en xeral, concederá os recoñecementos a Diego Noguerol Feijoo, que obtivo o primeiro posto na categoría Infantil, e a Maia Tato Rodríguez, que conseguiu o segundo. Entre os que se presentaron polo grupo dos máis maiores, o Xuvenil, gañaron Ainara Soto Reino, o primeiro, e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez, que se presentaron xuntos, o segundo. Aparte dos premios acordados, recibirán un diploma e un pequeno agasallo dúas finalistas da categoría Xuvenil. Estas son Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, pola súa obra “O paxaro robot”, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño, que entregou a peza titulada “Carmen e as novas tecnoloxías”.


Así pois, a Diego Noguerol Feijoo, pola súa obra “Xeriátrico de Robots”, entregaránselle 100 euros en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 euros e diploma. O xurado valorou a calidade técnica do debuxo, a limpeza no tratamento da cor, a composición e o guión que achega coa mesma calidade do debuxo.

 

“Desde o seu punto de vista” é a peza elaborada por Maia Tato Rodríguez, pola que obterá un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50 euros e diploma. O xurado valorou o carácter divertido e de sinxela comprensión, ademais da capacidade de síntese e o deseño do personaxe protagonista.


Ainara Soto Reino disporá de 100 euros en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100euros e diploma, pola súa obra “Imaxinando o futuro”. Dela valorouse a combinación perfecta entre guión e debuxo, a espectacular técnica de cor para a categoría á que se presentaba e o uso axeitado da narrativa gráfica.

 

A parella creativa formada por Ana Manso López e Gael Rivas Núñez presentaron a peza sen título, pola que recibirán un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 euros e diploma. Da obra salientouse a minuciosidade do debuxo, calidade do entintado, narrativa e a  perspectiva optimista que resolve a historia con humor branco. 

O Museo do Humor de Fene acolle a entrega de premios Demo Pequeno

Te puede interesar