A música de Ghorxa recibe o outono na lagoa de Doniños

O grupo exhibirá a súa fusión musical nun evento con alternativa á choiva
A música de Ghorxa recibe o outono na lagoa de Doniños
Os músicos Antonio Santiago, Carlos Costoya, Pablo Estévez e Nico Fernández | CEDIDA

A banda local Ghorxa, que combina o stoner e a psicodelia con tintes do garaxe, dará un concerto este venres, a partir das 20.00 horas, na AVV O Lago de Doniños. Esta cita, que está pensada nun inicio para o aire libre, coa posibilidade de adquirir churrasco, rematará cunha pinchada de rock a cargo de DJ Capi Smut.


As orixes do grupo están precisamente nos arredores deste escenario, xa que os membros comezaron a ensaiar xuntos tras a pandemia no garaxe dun dos guitarristas, Nico Fernández. Despois da súa estrea en Ortigueira, pasaron por salas da cidade como Yggdrasil e Ruido, aparte de saír da comarca.


O seu sinxelo “Voices”, dispoñible en Bandcamp, achega “un son cru que lembra a música dos 90”, indicou Antonio Santiago, batería. Proximamente sacarán unha maqueta autoproducida coa axuda de Ángel Rodríguez, de Demo Rumudo, e Pablo Sáenz, responsable do proxecto electrónico Nüca. Algúns destes temas, como “Sal de ti” ou “Im on my own”, poderanse escoitar no concerto que do venres.


“Somos un grupo moi ecléctico”, sinalou Pablo Estévez, guitarrista e cantante, que irrumpe nun “panorama moi rico con moita música do noso estilo, como Menta, Turbo Kraks ou Luna Motos”, continuou. A maiores, Carlos Costoya completa o equipo co baixo e tamén coa súa voz. Por outro lado, a meteoroloxía non será un obstáculo, xa que a organización conta con previsión en caso de que coincida mal tempo. 

A música de Ghorxa recibe o outono na lagoa de Doniños

Te puede interesar