Nova vida para a madeira reciclada da man de Saúde Mental e Ártabro Inclusivo

Nova vida para a madeira reciclada da man de Saúde Mental e Ártabro Inclusivo
Visita de alcaldes, concelleiros e técnicos de Narón, Fene e Ferrol ao taller de Saúde Mental | cedida

A madeira que bota fóra o mar e tamén palés usados son a materia prima coa que traballan nas instalacións de Saúde Mental Ferrol Eume e Ortegal para convertela en novos obxectos, dentro do proxecto Ártabro Inclusivo. Representantes dos tres municipios que colaboran coa iniciativa –Ferrol, Narón e Fene– visitaron onte os talleres desta entidade, radicados no concello naronés, para coñecer de primeira man o resultado dunha iniciativa que se achega ao seu remate, previsto para finais de novembro.


Os usuarios de Saúde Mental son, cos de Aspaneps –asociación de pais e nais de nenos e nenas con problemas psicosociais–, os protagonistas dun proxecto que aúna o respecto polo medio ambiente e a concienciación sobre a presenza de lixo no mar coa economía circular e coa inclusión de persoas diversas. No caso de Aspaneps reciclan plástico e na actualidade están a recibir formación por parte da Universidade da Coruña –tamén colaboradora da iniciativa– para aprender a separar, triturar e darlles novos usos coa maquinaria da que dispoñen.


Ata as instalacións de Saúde Mental desprazáronse onte a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os concelleiros Santiago Galego e Román Romero, así como o rexedor fenés, Juventino Trigo, coa edila Ánxeles Coira, e técnicos dos dous concellos e tamén do de Ferrol. Tamén participou o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage –ao abeiro do grupo de acción local do sector pesqueiro desenvólvese a proposta–, e a presidenta da xunta directiva de Aspaneps, Elena Rodríguez.

 

 

Máscaras de Deseño Industrial


A comitiva fixo un percorrido guiado polo presidente de Saúde Mental, Félix Pena; a súa directora, Divina Ameneiro; e a terapeuta ocupacional Sara Pérez Seijas. Así puideron comprobar como xorden as distintas pezas artísticas no obradoiro que dirixe Antonio Carro a partir das formas que se atopan no mar. No catálogo de produtos figuran tamén catro máscaras que foron deseñadas por alumnado da Escola de Deseño Industrial, do campus ferrolán, así como chaveiros, bisutería, trofeos, lámpadas, reloxos, esculturas e outras pezas decorativas que se poñerán á venda para entidades, institucións e particulares.


O material de traballo recibírono de Ártabro Inclusivo e inclúe unha serra de cinta, outra de marquetería, unha lixadora de disco e banda, outra de cilindro, un láser para gravar a madeira, brocas e material funxible.


Na visita amosáronse tamén outras accións que se levan a cabo en Saúde Mental, que inclúen obradoiros de manualidades, de informática, estimulación cognitiva, deporte ou traballo con lá. Ademais, lévase adiante un curso de cociña, primordial para a autonomía das persoas que residen nos pisos de vida independente da entidade.


Ártabro Inclusivo pretende promover a integración social a través dunha iniciativa que traballa na erradicación e valorización dos residuos da zona costeira. Foméntase a interacción entre os concellos, as entidades dedicadas á inclusión social e o sector pesqueiro a través de proxectos de economía circular.


Conta con financiación europea a través dos fondos para os GALP que xestiona a Xunta, coa participación de tres concellos da zona e tamén coa colaboración de diversas institucións. 

Nova vida para a madeira reciclada da man de Saúde Mental e Ártabro Inclusivo

Te puede interesar