O Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou O Son do Camiño dan testemuña do éxito desta artista, que se caracteriza polos seus ritmos bailables. Sabela ofrecerá mañá na sala Ruido un concerto especial dentro dos da súa xira, xa que interpretará por primeira vez en vivo o seu último sinxelo, titulado “Eu espero aquí”.
Unha das caras máis coñecidas desta nova corrente do pop electrónico, Sabela Ramil, inaugura a súa xira polas cidades galegas en Ferrol, nun evento que abrirá as portas ás 22.00 horas. O tema que estreará serve como segundo adianto do que será o seu próximo EP, que prevé lanzarse a finais deste ano, despois de “Hi, My Love”, tamén a través do produtor Ed Is Dead. A nostalxia dá paso a sentimentos máis enérxicos nesta nova etapa da cantante, que acumula millóns de escoitas en plataformas dixitais e algunhas das súas obras foron recoñecidas como referentes no xénero.