O obradoiro de montaxe de Fran X. Rodríguez abriu onte a actividade do Chanfaina Lab

O obradoiro de montaxe de Fran X. Rodríguez abriu onte a actividade do Chanfaina Lab
Un momento da actividade formativa desenvolvida onte na Casa da Cultura no marco de encontro audiovisual | jorge meis

San Sadurniño convértese estes días, como cada mes de setembro, nun auténtico laboratorio de creación audiovisual da man do Chanfaina Lab, que chega a súa sétima edición. Xente de renome e novos valores do cine galego xúntanse arredor dunha iniciativa cunha “filosofía tan simple como complexa ao mesmo tempo”, salientan desde o Concello. Os participantes terán a fin de semana para “pensar, planificar e gravar unha peza con estilo, contido e formato totalmente libres baixo a única premisa de que se faga dentro desa fiestra temporal e sen saír do municipio”, explican fontes municipais. As curtametraxes creadas neste proceso poderán ser vistas no vindeiro mes de febreiro e tamén en múltiples festivais de ámbito estatal e internacional.


De forma previa ao inicio das rodaxes, a cita botou onte a andar coa celebración do primeiro dos obradoiros enmarcados no programa. O recoñecido realizador Fran X. Rodríguez impartiu durante toda a mañá unha actividade sobre montaxe titulada “De corte a corte” na que achegou ás persoas asistentes as claves do discurso audiovisual poñendo como exemplo secuencias de grandes películas que en moitos casos beben das técnicas sobre as que teorizaron Lev Kuleshov ou Sergei M. Eisenstein, entre outros, ensinsando en definitiva a contar con imaxes. A proxección de pezas clásicas do encontro protagonizadas por persoas de San Sadurniño pechou a xornada inaugural de onte.

 

 

Hoxe


Hoxe haberá unha nova acción formativa, centrada desta volta na gravación de son e impartida por David Machado, reservándose a tarde para a recepción oficial á trintena de participantes. O acto terá lugar ás 18.30 horas na Casa da Cultura, para a continuación inaugurarse na galería do primeiro andar a mostra “20 anos de O Bosque Animado”, contando co seu produtor e codirector, Manolo Gómez.


A actividade seguirá coa plantación, na Cortiña, da árbore conmemorativa da presente edición para rematar o día a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura coa “Eira de cineastas” onde cada participante se irá presentando con fragmentos da súa produción audiovisual. l

O obradoiro de montaxe de Fran X. Rodríguez abriu onte a actividade do Chanfaina Lab

Te puede interesar