O parque do Montón dirá adeus aos eucaliptos para plantar no seu lugar especies autóctonas

O parque do Montón dirá adeus aos eucaliptos para plantar no seu lugar especies autóctonas
Foto de familia de alumnado e profesores dos obradoios de emprego I JORGE MEIS

O parque do Montón comeza unha nova transformación para volver ser un espazo botánico pensado para o goce dos cidadáns. Esta zona inmensa de Ferrol, de 29.000 metros cadrados, agocha no seu interior máis de 1.200 árbores de 58 especies diferentes, segundo o rexistro que en 2011 fixera Manuel Cortizas, da Sociedade Galega de Historia Natural. Froiteiras e tamén especies pouco comúns ata hai pouco en Galicia coma o aguacate forman parte dun percorrido tan interesante coma oculto tras toneladas de matogueiras. Comparten protagonismo con visitantes esquivos que buscan un discreto e escuro recuncho para as súas actividades.


Os responsables deste reacondicionamento son a vintena de alumnos e alumnas dos novos obradoiros duais de emprego que levan adiante o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia. O obxectivo destes talleres, que teñen unha duración de doce meses, é o de proporcionar a persoas desempregadas unha cualificación profesional homologada, ao tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Fáiselles un contrato para a formación en alternancia e reciben o salario mínimo. 
“Traballamos para cumprir cunha das demandas dos ferroláns en situación de desemprego, que é facilitar o acceso ao mercado laboral”, explica o concelleiro de Emprego, Javier Díaz. O amplo programa formativo do centro municipal ten no taller de O Montón un exemplo “no que ademáis de formación, os alumnos e alumnas axudan a recuperar este magnífico parque natural”, indica o concelleiro.


Neste caso son dous cursos da rama agraria, da familia forestal, de nivel 1 (para o que non se precisan estudos) e de nivel 2 (que implica máis requisitos). O primeiro é de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e o segundo, Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Ao rematar terán recibido unha formación teórica e práctica que os habilita para seren peóns forestais, traballadores do sector –en xeral– e tamén capataces ou encargados. Cando rematan, teñen tamén axudas para a inserción, facilitando ás empresas a súa contratación durante polo menos un ano. Para iso estase en contacto con empresas dun sector que precisa empregados. “Dinme que están deixando traballos que lles encargan de tala ou de limpeza por non ter persoal cualificado”, comenta Serafín Pita, director dos obradoiros.


El deseña o desenvolvemento das horas teóricas e prácticas, atendendo ás esixencias do traballo con vexetación e ao aire libre, que ten épocas en inverno de menor actividade. “Comezamos o 15 de decembro”, conta Pita. “Facemos primeiro a teoría e un curso de prevención necesario para poder traballar, e unha vez que teñen o básico empezamos coa obra”. Trátase, insiste, dunha actividade cuxo obxectivo principal é a formación e a obtencion do certificado de profesionalidade. Teñen a guía do que queren facer no espazo no que actúan e vana levando a cabo atendendo a fins didácticos. Pero ao mesmo tempo desenvolven un traballo para toda a comunidade que este venres, logo de só unha semana de faena “in situ”, xa tiña resultados visibles. 

 

Obradoiro monton poda
Nestes primeiros días estase comezando coa limpeza e poda I JORGE MEIS


Empezaron limpando e abríndose paso por unha zona que, abandonada, non semella a máis amable para un paseo. A roza xa permite transitar con maior comodidade e están tamén a talar e cortar en toradas as árbores secas, mentres podan outras. 


Estes visibles primeiros pasos serán máis espectaculares cando cheguen a outra fase do proxecto, a da erradicación dos eucaliptos, especie invasora que será substituída por exemplares autóctonos, o que modificará substancialmente o aspecto que o parque do Montón ofrecer cara ao exterior. 


O maior reto co que se atopará este xardín, como aconteceu en todas as actuacións anteriores, é o do mantemento. Se se deixa de novo no abandono volverá caer no esquecemento. No prego do servizo de parques e xardíns, pendente de adxudicación, está xa incluído este parque.

 

Obradoiro monton limpeza
O primeiro paso foi liberar os camiños e facilitar o paso polo parque I JORGE MEIS

 

 

aciñeiras, cedros ou un bosque de salgueiros

 

O xardín do Montón pasou a mans municipias a raíz do desenvolvento do plan urbanístico do Bertón. Alberga máis de medio cento de especies diferentes e máis dun milleiro de exemplares, tal e como as catalogou Manuel Cortizas, unha por unha, hai más de dez anos. Entón había algunhas ameazadas polo estado de conservación pero aínda así esta área destacaba pola súa diversidade e pola presenza de exemplares únicos na cidade. 

 

Un piñeiro manso, dous teixos, un buxo de catro metros de altura, un cedro do Atlas ou dúas aciñeiras son algunhas desas presenzas que chamaban a atención no paseo aos ollos adestrados. Tamén se reseñaba a distribución en torno á zona central, a existencia dun prado de salgueiros, un souto, un paseo con nogueiras ou aliñacións de loureiro romano. Entón, en 2011, existía incluso unha pereira de máis de cen anos, aínda que estaba colonizada por outras especies –medrábanlle os loureiros dentro– e é posible que non sobrevivira ata a actualidade. 

 

Susana sixto
Susana Sixto I J.M.
Susana Sixto, alumna: “Agora que os meus fillos son maiores quero incorporarme ao mercado”

 

Susana Sixto é de Ferrol. Ten 54 anos e quere empezar a traballar. Chegou a este sector case de casualidade, porque era o curso de capacitación que máis cedo comezaba, xunto cun de comercial. Optou pola rama forestal. “Agora que os meus fillos son maiores quero incorporarme ao mercado laboral”, comenta. Do oficio que aprenden gústalle tanto a vertente que ten que ver co monte como os contidos de xardinaría e goza ademais co feito de poder traballar no exterior. “Estar traballando ao aire libre, con este bo tempo, estame gustando máis do que cría”. 

 

 

Serafin pita
Serafín Pita I J.M.
Serafín Pita, director: “O forestal é un sector que ten falta de traballadores”

 

Serafín Pita dirixe este obradoiro dual, con dous grupos de dez persoas cada un, e organiza a actividade para poder combinar a teoría coa actividade práctica, que neste caso está marcada pola época do ano e polas condicións meteorolóxicas. Explica que se trata de contratos de aprendizaxe, non de obras cun principio e cun final. “Hai un proxecto e tentamos acabalo pero chegamos a onde poidamos chegar”. Con todo, invita a acudir ao Montón cara a xuño e ver a diferencia. O forestal, indica, é un sector “que ten falta de traballadores”.

 

 

 

Segundo ruiz
Segundo Ruiz I J.M.
Segundo Ruiz, profesor: “Imos eliminar os eucaliptos e repoboar con especies autóctonas”

 

Segundo Ruiz é profesor do alumnado do curso de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Explica que nesta primeira semana de traballo práctico están podando as ramas secas, apeando ou troceando as árbores mortas e facendo unha primeira limpeza da zona. “Na seguinte fase, cando teñamos lista esta parte, imos empezar coa parte dos eucaliptos. Eliminarémolos todos e a idea, despois, é repoboar con especies autóctonas”. Afirma que o alumnado leva peor os contidos que supoñen ficar na aula pero que agora “están encantados”.

 

 

Ramon fernandez
Ramón Fernández I J:M.
Ramón Fernández, alumno: “Despois de trinta anos quedei no paro e reengancheime con isto”

 

Ramón Fernández é da Coruña e leva cinco anos vivindo en Ferrol. Ten 56 anos e unha longa experiencia laboral, de tres décadas, no ámbito financieiro-asegurador. “A raíz dunha enfermidade e do tema da pandemia quedei no paro e agora reengancheime outra vez a través disto”. Considera que está a ser unha experiencia “moi positiva” que lle permite aprender un novo oficio que ademais implica tarefas moi variadas. “Tanto os compañeiros e compañeiras coma min estamos moi motivados e integrados e contentos de poder facer unha labor para o Concello que despois vana ver todos os ferroláns e ferrolás”. 

 

 

Marcos Vecino
Marcos Vecino I J.M.
Marcos Vecino, profesor: “O alumnado está moi motivado, é xente con ganas de facer cousas”

 

Marcos Vecino é docente no curso de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. “Aquí imos estar ata finais de outubro ou principios de novembro”, comenta. “Imos desbrozar, talar, podar, plantar e tamén facer unha limpeza xeral, de viais, de basura...”. Ve ao alumnado “moi motivado, cunha actitude moi boa”. Algo que é, indica, habitual nestes cursos. “É xente con ganas de facer cousas e despois de case tres meses de aula, e moitos non teñen precisamente un perfil de estudante, venlles moi ben saír. É un sopro de aire fresco para eles”. Dependen do tempo pero esta primeira semana “foi moi boa”.

 

 

 

 

 

O parque do Montón dirá adeus aos eucaliptos para plantar no seu lugar especies autóctonas

Te puede interesar