Esta semana celebrouse en Konia, en Turquía, unha reunión de traballo na que participaron as profesoras da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial, María Jesús Movilla Fernández e Sara Fernández Basanta. A xuntanza incluíu a gravación de dous novos vídeos para concienciar ao alumnado de Primaria e Secundaria sobre o acoso escolar, co que se continúa un labor inaugurado en Ferrol.
A representación dos centros universitarios locais tamén estivo acompañada do coordinador da Área de Teleformación do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente –Cufie– da UDC. O Campus acollera no mes de setembro a presentación da primeira das oito pezas audiovisuais, que foi elaborada polo Cufie e testeada polos estudantes do Tirso de Molina. Nesta ocasión, os dous novos vídeos creados no marco do proxecto europeo Erasmus+ “Bullying a Matter of Self Esteem” –BAM– foron guionizados por alumnos de Grecia, Italia, Turquía, Alemaña e Serbia.
A concienciación do alumnado de Primaria e Secundaria que se busca realízase mediante ferramentas educativas “antibullying” que fomentan pautas de comportamento positivas fronte a esta clase de accións intencionais e sostidas no tempo.
Trátase dun proxecto liderado, en representación da Universidade da Coruña, pola profesora do centro ferrolán María Jesús Movilla. Ademais, esta iniciativa está cofinanciada pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros, dos que a UDC dispón de 25.729 euros para aumentar as competencias dos docentes en canto á intelixencia emocional e comunicación, entre outras.