Premio para a Enfermaría de Traumatoloxía do CHUF

Premio para a Enfermaría de Traumatoloxía do CHUF
Profesionais do CHUF no momento de recoller o galardón

Diversos profesionais de Enfermaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibiron o premio ó mellor póster na 1ª Xornada de Enfermaría de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, no marco do 29 Congreso da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, que se celebraba esta fin de semana en Vigo. Foi galardoado o traballo "Cultura de seguridade e limitacións cara a prevención de lesións por presión nunha unidade de cirurxía ortopédica e traumatolóxica", dos autores María Antonia Fernández Vivero, José María Rumbo Prieto, Luis Arantón areosa, Noelia Rodríguez Durán, e Begoña Martínez Garabana.

 

Estes profesionais expoñen que as lesións por presión e cizalla constitúen un problema social e sanitario de primeiro nivel. Estas considéranse ademais, na súa maior parte, potencialmente evitables se se aplican os coidados preventivos adecuados. “O poder identificar de forma proactiva as actitudes negativas e obstáculos percibidos polos profesionais sanitarios para a súa prevención, podería permitirnos unha abordaxe específica do problema”, explican, “aumentando a prevención e a calidade dos coidados”. 

 

O obxectivo de estudo era determinar o tipo de limitacións ou barreiras e de cultura de seguridade ou actitudes cara á prevención destas lesións que se dan en profesionais de enfermaría da unidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do CHUF.

 

 

Un sete para a cultura de seguridade 

 

Realizaron un estudo descritivo transversal nesta Unidade do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, sobre unha poboación de 41 profesionais de enfermería, no intervalo de entre 31 a 50 anos, e predominantemente mulleres, un 94%. Aplicáronse tres cuestionarios validados para o seu autocumplimentación: cuestionario de percepción de seguridade do paciente; de actitudes cara á prevención das Úlceras por presión; e, por último, cuestionario de barreiras cara á prevención das desas úlceras. 

 

Dos resultados derívase que o 86,6% dos profesionais declarou realizar formación en prevención de lesións por presión. Puntuaron cun sete á unidade onde traballaban en relación coa cultura da seguridade e prevención destas lesións como evento adverso. As e os profesionais mostraron unha actitude positiva, máis do 75%, cara á súa prevención. Identificáronse unha vintena de barreiras.

 

Os resultados do traballo galardoado concluíron que existe “unha actitude positiva dos profesionais da enfermaría cara ás medidas de prevención, existindo acordo en que as lesións por presión son evitables e previbles”, e, tamén, “a importancia que ten os coidados para evitar producir eventos adversos”. 

 

Con todo; tamén prevalecen algunhas barreiras relacionadas con factores de tipo organizacional, déficit de coñecementos, “sempre se fixo así”, precisan, ou insuficiente colaboración e comunicación entre niveis asistenciais, resultados estes que concordan co publicado na literatura.

 

Coinciden igualmente en “buscarlles solucións para lograr crear unha cultura de seguridade perdurable e estable".

Premio para a Enfermaría de Traumatoloxía do CHUF

Te puede interesar