Premio para o IES de Catabois no Galicons de consumo responsable

Premio para o IES de Catabois no Galicons de consumo responsable
O centro acolleu onte pola mañá o acto de entrega do premio I E.C.

Mergulláronse no denso océano da publicidade para poder entender, entre outras moitas cousas, como esta impacta nas súas vidas. Achegáronse á súa evolución, aos medios a través dos cales chegan á poboación e aproveitaron tamén para analizar e reflexionar sobre o papel que esta xoga nos hábitos de consumo. Sobre todos estes aspectos traballou este curso o grupo de alumnado de 4º de ESO do IES de Catabois que se embarcou no certame autonómico de consumo responsable Galicons a través da realización dun proxecto ao que denominaron “Publicidade sa”.


O traballo axudoulles, entre outras cousas, “a identificar cando son destinatarios de mensaxes publicitarias a través dos diferentes medios, reforzando o espírito crítico dos adolescentes”, indican desde o centro.


O esforzo realizado serviu para adquirir novos e importantes coñecementos mais tamén para proclamarse gañadores do concurso na categoría de educación secundaria. Onte, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou o centro ferrolán para facer entrega do galardón, dotado con 1.500 euros.


Traballo

Os estudantes ferroláns explicaron no acto o traballo desenvolvido, que incluíu o deseño e elaboración de cuncas personalizadas así como a realización dunha campaña publicitaria, a través de diferentes vídeos, para darlle publicidade ao seu produto.


Os rapaces fixeron o seu proxecto a través de catro materias diferentes –Matemáticas, Debuxo, Historia e Economía–, o que reflicte a transversalidade dun traballo enfocado a promover a educación para un consumo responsable, axudándoos ao mesmo tempo a traballar o espírito crítico con respecto á publicidade.


O programa Galicons, impulsado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, xunto coa Consellería de Educación, contou nesta edición coa participación de máis de 1.200 alumnos e alumnas de toda a comunidade galega.


Xunto ao premio económico, o profesorado participante nos proxectos galardoados –houbo outras tres categorías de participación– reciben unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de trinta horas de formación docente, segundo se informou.


Desde o instituto ferrolán amosaron a súa ledicia pola consecución deste galardón, que se suma así, destacan, aos recibidos en pasadas edicións en programas como Consumópolis o na First Lego League. Remarca así  mesmo, engaden desde o centro educativo, “a aposta pola innovación e a internacionalización a través dos programas Erasmus e Digitalweek” nos que está implicado o instituto.


Favorecer o tratamento da educación para o consumo responsablen, difundir e promover os valores asociados a este, fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada e desenvolver o pensamento crítico son algúns dos obxectivos recollidos no programa Galicons.

Premio para o IES de Catabois no Galicons de consumo responsable

Te puede interesar