Profesionais de Enfermaría dos Servizos de Pneumoloxía e de Medicina Interna, e facultativos do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibían esta fin de semana un dos "Premios SEPARpacientes 2024”, que se outorgaron no transcurso do Congreso da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica, que se celebraba en Valencia entre os días 6 e 8 de xuño. Estes premios recoñecen “o labor prioritario naqueles aspectos que achegan valor ó paciente, máis aló do coñecemento e alto nivel científico, que a nosa Sociedade sempre imprime nos congresos e reunións”, indican dende a organización da SEPAR.
Era premiado un traballo sobre reciclaxe de cabichas de tabaco, "Que fas coas túas cabichas?", realizado por distintos profesionais do Complexo. A proposta dos candidatos foi realizada polo Comité de Congresos, escollendo as mellores comunicacións por cada Área de entre as que expresaran o seu desexo de participar na presente convocatoria; finalmente a elección das persoas premiadas levouse a cabo por parte dos Directores de SEPARpacientes.
Como indican, dan este galardón a aquelas “intervencións con impacto poboacional, que melloren a accesibilidade, que fomenten o traballo en equipo, a seguridade, que melloren as relacións mutuas entre os profesionais e o paciente, compartindo as decisións e a experiencia, son obxectivos esenciais destes premios”.
Que fas coas túas cabichas?
Así, os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol partían da base de que reciclar se converteu nos últimos anos nunha actividade importante; e “o consumo de tabaco e os seus refugallos, as cabichas, constitúen unha ameaza para a saúde da poboación e para o medioambiente, xa que tardan entre 1 e 10 anos en se descompoñer”, como manifestaban.
Doutra banda, existen proxectos e iniciativas para reciclar e reutilizar esas cabichas como paneis illantes, ladrillos ou cadernos. Polo que estas profesionais se marcan coñecer onde refugan as cabichas, e as ideas sobre a reciclaxe das mesmas, que teñen os pacientes e profesionais fumadores da Área Sanitaria de Ferrol.
Para iso, realizaron un estudo descritivo de corte transversal, mediante cuestionario ad hoc entre pacientes e profesionais sanitarios, con análise descritiva das variables e análises bivariado respecto ó tipo de vivenda e sobre a importancia que lle dan á reciclaxe.
Dos resultado derívase que o perfil do enquisado é unha muller (67,2%), de ámbito urbano (60,3%), paciente (56,9%), que lle importa reciclar (72,4%), que ten en conta onde eliminar as cabichas (69%), e dos que teñen patoloxía respiratoria un 72,4%. A maior parte dos enquisados elimina as cabichas no lixo, seguido da papeleira, o cinceiro ou o chan. Outra das conclusións é que o 76% dos profesionais do Sergas se preocupa pola reciclaxe das cabichas.
Son variables estatisticamente significativas, explican, o respecto ó ámbito de vivenda, a importancia de reciclar, ter e conta onde eliminar as cabichas, traballar no Sergas, ou ter unha enfermidade respiratoria.
Entre as conclusións, figura que “se realiza educación ambiental sobre a reciclaxe de refugallos, pero non referente ás cabichas, polo que atopamos descoñecemento sobre este aspecto en persoas concienciadas coa reciclaxe”.
E engaden que “sería importante educar sobre a súa reciclaxe e á vez concienciar para que existan contedores específicos, o que melloraría notablemente o medioambiente”. Recollía o premio en nome dos profesioais, a enfermeira Pilar Darriba Rodríguez.