O Camiño Inglés é un dos maiores activos turísticos e culturais da comarca de Ferrol, especialmente na época do verán. É por iso que, desde o programa de emprendemento UDC Explorer da Universidade da Coruña, invítase tanto á comunidade estudantil e ao público xeral a participar nunha marcha que cubrirá a segunda etapa desta ruta peregrina.
A marcha, que discorrerá entre os termos municipais de Neda e Pontedeume, servirá, ao mesmo tempo, como un xeito de dar a coñecer algúns dos elementos patrimoniais máis importantes da zona. Así, a actividade terá lugar o próximo domingo día 14 a partires das dez da mañá, sendo o punto de encontro o albergue de peregrinos do concello nedés.
Tras recoller as credenciais, os participantes poderán percorrer, entre outros lugares, a praia da Magdalena de Cabanas ou o casco histórico de Pontedeume, ademais de visitar a Escola Laica da vila eumesa. Pese a ser unha actividade gratuíta, o aforo da mesma é limitado, polo que aqueles interesados en tomar parte deberán formalizar a súa inscrición a través do teléfono 881 013 616 ou ben enviando un correo cos seus datos persoais ao correo emprego.vee@udc.gal antes das dúas da tarde do venres 12.