O curro da serra da Capelada, pertencente ao concello de Cedeira, nunca tivera tantos cabalos salvaxes nos 50 anos que cumpre nesta edición a Rapa das Bestas, desde que se exhibe ao público como evento. As persoas asistentes animaron a cita e o momento álxido tivo lugar ao mediodía.
As cifras das bestas que entraron este ano no curro superaron en arredor de 60 animais as expectativas da organización. Así pois, entre os poldros e os cabalos de gran tamaño que concorreron sumaron arredor de 300 cabezas. “Un total éxito, aquí hai bestas que xamais viñeron na súa vida”, celebra Jorge Bellón, presidente da asociaciación San Andrés de Teixido Eventos, que ademais expresa a súa satisfacción sobre a cantidade de xente que acudiu.
O único punto negativo que detallou este responsable foi “o vento, que aquí en Pena Toxosa é complicado”, e xa levaba unha semana de fortes rachas. Aínda así, as inclemencias amainaron e luciu o sol coincidindo coa hora de comer o churrasco e animando ao público. Bellón destacou ademais que a Rapa deste ano ocorreu “sen incidentes nin accidentes, que é o que importa ao final, tanto de besteiros como de bestas”.
O evento concluíu coa carreira de cabalos de galope, que segundo explica o presidente da asociación, realízase para manter a tradición asociada a este encontro. Arredor dunha decena de participantes acudiron con seus animais a competir, divididos en dúas categorías por tamaño.