A Real Filharmonía de Galicia conclúe a súa tempada, “Migracións”, este venres ás 20.30 horas sobre o escenario do Auditorio de Ferrol. Trátase da primeira etapa do director Baldur Brönnimann á fronte da orquestra compostelá. Ademais do director titular, na ocasión tamén actuará a violinista Rosanne Philippens.
Os espectadores poderán gozar da estrea en España da obra Atlas Eclipticalis, do compositor norteamericano John Cage, unha peza sui géneris cuxa duración e instrumentos elixidos queda a cargo de quen a dirixe ou interpreta. Deseguido, será posible escoitar o Concerto para violín de Erick W. Korngold e tamén a Sinfonía en tres movementos de Igor Stravinski.
“Migracións” foi unha tempada que explorou estilos dos máis variados e quixo achegar ao público composicións contemporáneas entrelazadas coas obras clásicas. Esta é unha oportunidade ideal para dar a coñecer ao público músicas de todo o mundo e presentar outra perspectiva ás salas de concerto tradicionais.