O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reivindicou este luns no acto institucional do Día de Galicia que, coma sempre, tivo lugar na Praza do Himno Galego, en Esteiro, o “galeguismo integrador como fío condutor da defensa da nosa cultura e da nosa lingua”. Asegurou, ademais, que desde a cidade de Ferrol “defendemos unha Galicia plural na que todos cabemos”.
No acto, no que estiveron presentes concelleiros dos catro grupos da corporación e tamén membros de diferentes entidades culturais da cidade, realizouse a tradicional ofrenda floral no monumento de Xosé Fontenla Leal. O alcalde puxo en valor a figura do ferrolán, que acabaría sendo clave na creación da Real Academia Galega e tamén foi promotor do propio himno galego, que se estrearía en Cuba en 1907.
O alcalde lembrou tamén a outros escritores, como Torrente Ballester, que este ano é o protagonista do Ano Cultural do municipio, e a Ricardo Carvalho Calero, representantes, dixo, dun Ferrol aberto e diverso.
Foi, como tamén é costume, o Real Coro Toxos e Froles o que puxo música ao acto.