Rubén Rey: “As axudas da Xunta para crear unha entidade deste tipo son moi interesantes”

Rubén Rey é socio de Enxame e asesor en administracións e centros educativos
Rubén Rey: “As axudas da Xunta para crear unha entidade deste tipo son moi interesantes”
Rey, no Coworking da Capela I Cedida

Rubén Rey é socio fundador de Enxame, cooperativa centrada en proxectos sociais de desenvolvemento local e economía circular, entre outros eidos, e traballa tamén para entidades do sector público como os Concellos de Ferrol, A Coruña ou A Capela, a Mancomunidade e a Deputación. Esta semana –hoxe luns e o mércores– falaralles de cooperativismo aos alumnos do IES Leixa.

 

Con que axudas poden contar as cooperativas? 
O primeiro que hai que dicir é que a lei di que as institucións públicas teñen a obriga de fomentar este tipo de iniciativas, como se está a facer. Teñen moito auxe, en parte polo tirón das axudas APROL –a nova convocatoria sairá esta mesma semana– da Xunta. Con estas poden crearse cooperativas facilmente. Un dos programas inxecta diñeiro directamente á cooperativa. Son 6.000 euros por cada persoa socia e logo hai incrementos do 25% en función de diferentes requisitos, como ser muller, vivir no rural, ter máis de 45 anos... Por exemplo, unha muller do rural maior de 45 anos xa tería outros 4.500 ademais dos 6.000 iniciais, é dicir, 10.500 euros de partida. É moito máis fácil empezar así. O segundo programa devolve os cartos que poñas, é dicir, que se ao arrancar achegas 3.000 euros, a Xunta reintegrarache esa cantidade. Iso dáche un pulo o primeiro ano, que é cando máis custa porque non tes clientes, tes que facer moito traballo de prospección e non tes tantos ingresos para subsistir. Os tres primeros anos é cando máis dificultades podemos ter.

 

O que se busca é traballar para vivir e traballar no que nos gusta, tomando as nosas propias decisións

 

Que outras diferenzas e semellanzas hai cunha empresa convencional?
Unha cousa é ser emprendedor e outra empresario. No caso das cooperativas, tampouco buscamos  ser empresarios. Non, nós imos traballar na nosa empresa. Falo de cooperativas de traballo asociado, de xente que se xunta para crear o seu propio posto de traballo, que son diferentes ás tradicionais, por exemplo, de gandeiros: estes xa tiñan o seu emprego e asociábanse para facilitar un pouco a saída do seu produto ao mercado, para crear cadenas de distribución ou contratar cisternas para traer o leite... As de traballo asociado, por contra, están feitas para autoempregarse. Nós o que queremos é traballar para vivir e traballar no que nos gusta, no que nos sintamos cómodos, tomando as nosas propias decisións. Sempre se fala de que as empresas deben tratar de acadar o máximo beneficio, pero nesa afirmación óbviase que se está a referir a un beneficio económico. Hai outros beneficios que van máis aló: a conciliación, o reparto de forma equitativa, o equilibrio entre os deberes e os dereitos... Non se trata de buscar só o máximo beneficio económico. 

Rubén Rey: “As axudas da Xunta para crear unha entidade deste tipo son moi interesantes”

Te puede interesar