Un sábado de merendas nas Pontes, lendas no Val e Solpores en Canido

Un sábado de merendas nas Pontes, lendas no Val e Solpores en Canido
Imaxe da edición do pasado ano da Romaría das Merendas I CEDIDA

A actividade cultural e de lecer da comarca ten fixadas varias citas para a xornada deste sábado 17 de xuño, que se agarda moi animado nalgúns dos puntos nos que haberá espazo para a troula e a diversión e nos que, unha vez máis, a música volverá ser unha das grandes protagonistas.


Romaría das Merendas

A fraga de Dona Rita, nas Pontes, será por segundo ano consecutivo escenario da Romaría das Merendas, un evento impulsado pola agrupación de música tradicional da vila, No Cómbaro, xunto ao Concello. Logo dunha exitosa primeira edición, volta a festa a este natural espazo cunha sesión vermú de 13 a 15 horas cos grupos Canavella (tamén ponteses), No Cómbaro e Airiños do Eume, de Pontedeume.


Ás 15.00 horas darán comezo as merendas abertas a veciños e romeiros –que levarán o xantar desde as súas casas–, de todas as idades, pois un dos obxectivos da cita é precisamente recuperar os eventos de carácter familiar, como eran as festas nos anos 50, época na que se ambientará a cita para poder gozar dunha “romaría como as de sempre”.

 

 De 18.00 a 23.00 horas será a quenda para a “foliada estelar”, con concurso de agarrados –con cen parellas o ano pasado e ampliado a 120 nesta ocasión– e actuacións das Pandereteiras Airiños do Eume, Batifoula (Vilalba), Aquí e Alá (Outes), Charanga Alxibeira (Narón), Maghúa (A Coruña), Son D’Aquí (A Coruña), Xirandela (Madrid), Pandereteiras Son D’Aquí, Os do Xalo (Carral), Carecos (Ortegal) y Nimbos (As Pontes).


Aniversario do Toxos e Froles

No Jofre, o Real Coro Toxos e Froles celebrará (20.00 horas) o 108 aniversario do seu debut no mesmo escenario, acontecido un 29 de maio de 1915. Para conmemorar tan sinalada efeméride, a agrupación vai amosar un espectáculo construido e montado expresamente para este día, no que se leva traballando nos últimos tempos e que aúna pezas de baile, instrumentais e cantadas, algunhas xa coñecidas no seu repertorio, aínda que a gran maioría serán interpretadas por primeira vez.


O espectáculo contará coa participación de arredor de 70 persoas, desde as nenas máis cativas de sete anos ata o corista decano, con 85. Ademais, destacan desde o Toxos, neste 2023 celébrasen o 50 aniversario da irmandade entre as cidades de Ferrol e Vila do Conde, impulsado polo coro ferrolán e polo Rancho da Praça, que tamén participará na sesión desta tarde no teatro ferrolán.


Solpores en Canido

A música sonará tamén desde as oito da tarde no Centro Cívico de Canido nunha nova edición de Solpores en Canido, o evento impulsa pola firma discográfica local Ferror Records co apoio da Asociación Veciñal do barrio e de Mahou.


Abrirá o cartel Chicharrón, para continuar ás 21.00 horas con Mounqup e pechar a sesión a dj Celulite. A entrada é totalmente de balde.


Pena Molexa

A parroquia do Val acollerá tamén este sábado os actos centrais da Recreación da Lenda de Pena Molexa, unha programación deseñada desde o Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Asociación de Veciños Os Irmandiños. A programación iniciouse a pasada fin de semana cunha andaina solsticial e unha ruta cicloturista. 

 

Desde as 18.00 horas haberá xogos tradicionais e populares, dirixidos a persoas de todas as idades. Seguiralle, ás 20.00 horas, unha churrascada popular para ás 22.00 horas dar paso á música, a cargo da formación galega Treixadura e a charanga Alxibeira. Entre as dúas actuacións, ás 00.00 horas, terá lugar a tradicional recreación da Lenda da Fada da Pena Molexa, na que alumnado da Escola de Teatro de Narón representará a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha, coincidindo co solsticio de verán.


Dúo vasco en La Room

A sala ferrolana La Room abre este sábado as súas portas ao dúo vasco Niña Coyote eta Chico Tornado, grupo cunha destacada traxectoria que chega a Ferrol da man do ciclo CulturadeSala, promovido por Acces e Inaem. A actuación está prevista para as 00.30 horas (apertura de portas ás 23.55) e as entradas teñen un prezo de 15 euros (ataquilla.com e na sala). O dúo celebra os dez anos do seu primeiro disco coa súa edición en vinilo e publican novo tema “(H) AMar”.


Doutra banda, tal e como xa se fixo a pasada semana, o local ferrolán sorteará durante este evento dúas entradas individuais para asistir ao Ferrol Verán Festival do vindeiro 2 de xullo, coa actuación como plato forte dos californianos Black Eyed Peas.


Volta a pé ao Cabo Prior

A Sociedade Cultural Columba organiza a oitava volta a pé ao cabo Prior, en Covas. A saída terá lugar ás 10.30 horas desde o aparcadoiro da praia de Santa Comba. A asistencia é totalmente libre e a distancia a cubrir será de aproximadamente 12 kilómetros. Logo haberá un xantar (con inscrición previa). 

 

Presentación en Caamouco

A Agrupación Instrutiva Caamouco presenta, ás 19.00 horas na súa sede, o oitavo número da revista “A Tenencia”, centrada na recuperación da historia de Ares e Caamouco.


Espectáculo infantil en Neda

“Rosa caramelo e outras historias”. Este é o título do espectáculo infantil que poñerá en escena a compañía Talía Teatro en Neda, no marco das políticas municipais de igualdade. Será ás 19.00 horas na Casa da Cultura.


“Triscos de Magia” en Ortigueira

A compañía Magia en la Manga achegará a Ortigueira (ás 20.00 horas no Claustro do Concello) o espectáculo “Triscos de Magia”, con varios magos que recibirán, en diferentes salas, ao público dividido en grupos. Entrada gratuíta.


Concerto en As Pontes

A Orquestra Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia ofrece hoxe, ás 18.00 horas no auditorio municipal Cine Alovi, un concerto dos grupos Pizzicato (dirixido por Enrique Iglesias) e Arcos (con Jorge Montes).

 

Un sábado de merendas nas Pontes, lendas no Val e Solpores en Canido

Te puede interesar