Briegal e Casaga, en colaboración co Concello de Ferrol, organizarán o vindeiro 26 de xuño un simulacro de rescate que se desenvolverá nas instalacións do acuartelamiento Sánchez Aguilera.
As entidades, con experiencia en axuda humanitaria internacional en operativos de rescate, actuando entre outros nos terremotos de Turquía e as riadas de Libia, organizan este exercicio que se enmarca no seu programa de adestramento e formación que realizan regularmente.
O simulacro, “ideado orixinalmente para a preparación de equipos de rescate que actúan en misións internacionais, amplíase a equipos de emerxencia locais para testar a capacidade de coordinación e resposta dos servizos da zona”, precisan.
Explosión dun camión O exercicio en cuestión consistirá en afrontar, durante doce horas de traballo ininterrompidas, os labores de procura e rescate propias dunha posible explosión dun camión cargado con mercadorías perigosas mentres circula por unha zona residencial a primeira hora da mañá. O accidente provocará danos directos nun radio de 150 m² e cunha área de exposición total de 50.000 m², afectando directamente a unha zona con edificacións destinadas a uso residencial (en total 7 edificios), de pública concorrencia (un teatro e unha biblioteca), zona de aparcamento e servizos varios (talleres e locais comerciais). A autoridade local encargada da emerxencia decide, despois dunha avaliación inicial da zona, solicitar a axuda de equipos externos.
Este simulacro busca aproveitar a situación actual do Sánchez de Aguilera para “recrear da maneira máis realista posible as características que os equipos de emerxencia se atopan nunha situación deste tipo, levando a cabo tarefas de procura e rescate en estruturas colapsadas, espazos confinados, alturas e vehículos”, explican desde as organizacións.
Por razóns de seguridade limitarase a entrada ó recinto, agás aos participantes e invitados, durante as doce horas que durará o exercicio.
Tomarán parte neste dispositivo de traballo Cans de Salvamento de Galicia (CASAGA); a ONG Briegal e Acción Norte (Vitoria); a Asociación Nacional de Cans de Salvamento; a Unidade Canina Principado de Asturias; B Bombeiros de Ferrol; Bombeiros Navantiae Bombeiros de Narón, ademáis da a Axencia Galega de Emerxencias. l