“No Ferrol criouse unha empresa editorial, Céltiga, que ten mentes de pubricar moitas cousas novas”. Así anunciou por correspondencia Vicente Risco esta publicación precursora, que comezou a súa traxectoria baixo a dirección de Xaime Quintanilla. Foi coa súa obra teatral “Alén” coa que se estreou, ademais de “Doctrina nazonalista”, de Ramón Villar Ponte, para despois levar a cabo a colección “Céltiga. Novela mensual ilustrada”, que tivo unha curta vida, dende marzo de 1922 a xullo de 1923.
Céltiga naceu en 1921, tras a escisión das Irmandades da Fala, da man da delegación ferrolá da Irmandade Nacionalista. Galega. Este proxecto motivou que en xuño de 2022 a tamén ferrolá Edicións Embora inaugurara a exposición “100 anos da Editorial Céltiga”, con Miguel Toval como comisario, na praza de Armas.
Esta localización atópase moi próxima á sede da editorial, que se atopaba no número 64 da rúa Dolores, onde residía o médico e futuro alcalde de Ferrol, que ademais foi o fundador de Céltiga, Xaime Quintanilla. O característico edificio, que aínda se pode observar a día de hoxe, é unha obra de estilo modernista do arquitecto Rodolfo Ucha, coñecida como Casa Pereira. A publicación imprimíase no mesmo obradoiro ca o xornal El Correo Gallego, antes de trasladarse a Compostela.
Un dos edificios modernistas de Rodolfo Ucha, localizado na rúa Dolores, acollía a sede da editorial
A mostra de Edicións Embora, que contou co apoio tanto da Xunta coma do Concello, celebraba o centenario da publicación do primeiro título da colección, en 1922. Os textos dos paneis foron elaborados por Xosé María Dobarro Paz e Xosé Manuel Varela Varela, e as ilustracións por Aurora Cascudo Román.
Como principal causa da desaparición de Céltiga adoita atribuírse a censura que trouxo a ditadura de Primo de Rivera, aínda que segundo concretaba a propia mostra, realmente o seu final xa tivera lugar semanas antes do golpe de Estado.
“As anteriores pubricaciós somellantes a «Lar» morreron por falla de medios económicos ou por non teren orixinaes dinos de seren pubricados”, sinalou Leandro Carré Alvarellos en El Pueblo Gallego, en 1926, sobre os motivos da extinción. A publicación á que se referiu, que naceu en 1924, estaba dirixida por este mesmo académico e habitualmente considérase unha sucesora de Céltiga.
Estes dous traballos tiñan en común, entre outros aspectos, o desenvolvemento da chamada novela de quiosco, que no caso do que naceu en Ferrol, levouse a cabo a través da colección de novelas curtas, segundo advertiu o licenciado en Xeografía e Historia pola USC Prudencio Viveiro Mogo.
Ademais, dende 1924, e até 1932, a editorial constituíu un punto de encontro para os intelectuais galegos que vivían en Arxentina naquela etapa, coa publicación da “Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades”. Os temas que se escribían dende Bos Aires atinxían tanto a este como ao territorio galego e seguían unha clara liña que se acentuou coa inclusión da sección “Idearium Galeguista”.
Nos textos que Dobarro e Varela exhibiron na mostra da praza de Armas destacábase o enorme alcance que tiveron as novelas curtas mensuais da editorial, que se multiplicaron en “varios miles de exemprares, tal calquer casa de Madrid ou Barcelona”.
O investigador e escritor Francisco Rodríguez concorda na certeza de que “Céltiga” exerceu unha influencia moi forte no seu momento. “A proba é que aínda quedan moitos restos de libros, e iso quere dicir que tivo unha difusión real. Hoxe non é anormal atoparse con primeiras edicións caracterizadas.
Chegou a bastantes ambientes, de certa cultura, alfabetizados, e a moitas casas. Hai quen di que as tiraxes eran sobre 3.000 exemplares, que é moitísimo”. Hoxe en día, para moitas publicacións, incluídos libros, esas cifras son practicamente unha quimera. “Hoxe a sociedade ten outros criterios, pero daquela o libro e o xornal tiña unha incidencia entre as persoas que lían moito maior que a que teñen hoxe”, comenta Rodríguez, “ata os anos 70 aínda era así e o libro galego que tiña algo de éxito tiña un impacto social moito maior que o que poden ter hoxe. Cando Blanco Amor publicaba ‘Xente ao lonxe’ era un fenómeno social, que chegaba a bastante xente”.
As repercusións da publicación constátanse no gran número de exemplares que foron editados
E chegou, tamén na época de “Céltiga”, que tivo a virtude de reunir nas súas entregas sinaturas de moitísimo nivel que levan a que Francisco Rodríguez lle outorgue unha “gran transcendencia”. “Loxicamente, hai que inserila dentro dun movemento xeral en toda Galiza, as Irmandades da Fala, que non era unha organización política, pero que si tiña unha concepción ideolóxica do país, pivotando sobre a lingua”.
En Ferrol, apunta o investigador e profesor, “había moitas persoas da propia cidade e de fóra que, por diferentes circunstancias, estaban traballando aquí, que confluíron e que fixeron frutificar unha idea das Irmandades: como provocar que a literatura galega tivera un carácter total, é dicir, que abranguese todos os xéneros, entre eles, a narrativa”. E aí se centraron, pois era un eido no que estaba practicamente todo por facer.
“Publicaron moitísima narrativa e de fácil acceso, de dimensións adecuadas, onde acabaron confluíndo todos os grandes escritores da literatura galega daquel momento, desde Castelao até Otero, e ilustradores como Díaz Valiño e Imeldo Corral... Iso denota unha ebulición que afectaba ás clases medias e cultas moi importantes: Quintanilla ou Ramón Vilar Ponte, situados en locales estratéxicos da cidade naquel momento, un home cun prestixio social como médico, o director de El Correo Gallego...”, apunta Rodríguez, que incide na súa relevancia social. “Foi tal, que a ditadura de Primo de Rivera non o tomou como un fenómeno culturalista marxinal”.
Foi, xunto con Nós, a editorial de maior relevo e, segundo Rodríguez, amosaba un Ferrol que naquela etapa, sostén o escritor producía “fenómenos culturais profundamente galegos; a cidade non quedou fanada pola presenza militar ou por unha españolización rampante”. E, como figuras chave nesa etapa desaca a Quintanilla, “que debeu ser un gran animador”, e Vilar Ponte, “que era un home de moita eficiencia orgánica e preocupado por que as cousiñas concretas marchasen”.
A constitución das Irmandades da Fala en Ferrol, que foron a orixe de proxectos como Céltiga, contou cun importante protagonismo da parella creativa que formaban Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Este dúo tamén publicou na colección de novelas curtas da nomeada editorial, en volumes dobles, títulos que trascenderon á historia literaria de Galicia, como “Mal de moitos” e “Trato a cegas”.
Estas obras, do mesmo xeito que “Axúdate” e “O menciñeiro”, foron ilustradas por Álvaro Cebreiro, un dos humoristas gráficos máis destacados do panorama galego, que mostrou o seu vencello á vangarda cultural coa escrita, xunto a Manuel Antonio, do manifesto “Máis Alá!”. Charlón e Hermida traballaron xuntos na dramaturxia e tamén na interpretación, pertencendo ao Movemento Dramático Rexional.
“Son dúas figuras importantísimas na cultura ferrolá de comezos do XX”, asegura o presidente do Toxos e Froles, Arturo Lamas, “imprescindibles na promoción do teatro galego e eses parrafeos que facían entre eles, a improvisación, participaron en moitísimas asociacións en Ferrol neses anos, impuslores das Irmandades da Fala... Eran personaxes destacadísimos para a difusión do galego e do seu teatro”.
Os dous actores foron membros, lembra Lamas, do primer coro que actúa en 1915 e así están durante unha década, participan nos intermedios das actuacións, cantando e diría que son claves para entender tamén a creación do Coro”.
E logo está a súa personalidade. “Polo que se conta, eran extravagantes, abertos, unha imaxinación desbordante e moi desenfadados”, engade.