O Servizo de Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) conseguiu emprego, na súa oficina de Ferrol, a 229 personas con discapacidade en 2022. O balance da entidade do ano pasado detecta, en toda Galicia, unha melloría respecto ao ano anterior (cunha suba do 4% no número de contratacións) pero está aínda lonxe dos niveis de antes da pandemia. A coordinadora do servizo, Mari Carmen Ínsua, explica que hai unha diferenza dun 14% menos de persoas inseridas en relación con 2019 a nivel galego. “Hai que seguir traballando a favor da inclusión a nivel xeral da sociedade e animamos ao empresariado galego a que perda os medos que poida ter á hora de contratar a persoas con algún tipo de discapacidade”, engade.
En Ferrol, onde se atende toda a área de influencia, non só a cidade, realizáronse ao longo do ano pasado 847 orientacións. Trátase de entrevistas individualizadas coas persoas que contactan co servizo, para asesoralas, orientalas e trazar itinerarios laborais personalizados.
Cando se chega a Cogami éntrase nunha base de datos que actualmente, en Ferrol, conta con 2.117 membros. Deles, 144 engadíronse en 2022.
“O perfil maioritario das persoas que forman parte da nosa base de datos sería home, cunha franxa de idade comprendida entre 41 e 55 anos e con estudos primarios básicos”, apunta Mari Carmen Ínsua.
O SIL non atende só nas oficinas senón que se despraza ata os diversos municipios para así facilitar o acceso tamén ás persoas que residen en zonas máis apartadas. Ademais, visitan empresas para conciencialas sobre a importancia de contratar personas con algún grao de discapacidade. O ano pasado, na área, pasouse por 53 compañías. Igualmente, rastréxanse ofertas lanzadas polas empresas galegas que se poden axustar aos perfís cos que se traballa. Foron 130 na zona e 1.212 en toda Galicia.