O grupo municipal socialista reclama ao goberno que poña en funcionamento os caixeiros cidadáns que permitirán, indican, “desconxestionar as áreas de Rexistro e Estatística ante a precaria situación de persoal da que adolecen”.
Estes caixeiros desde os que facer trámites ordinarios coa administración local, como rexistrar un documento, solicitar o padrón ou levar a cabo pagamentos, foron unha iniciativa do anterior goberno, liderado por Ángel Mato. Os socialistas denuncian que estean apagados, o que consideran “deixadez” por parte deste goberno, “mentres a veciñanza padece colas interminables”.
“Este servizo foi ideado para evitar desprazamentos, estando previstos en Caranza, Inferniño e Serantes”, explican nun comunicado. Este venres, en comisión, pediron a súa activación, con independencia de que no futuro se lles poidan engadir máis servizos. “A situación de extrema precariedade en persoal do Rexistro e de Estatística pódese ver algo mitigada coa entrada en funcionamento destes caixeiros”, apuntan.