A sociedade Columba presenta hoxe a última entrega da súa revista

O acto comeza ás 20.00 horas na AVV de Covas
A sociedade Columba presenta hoxe a última entrega da súa revista
José López Hermida é o presidente de Columba I Jorge Meis

Vinte e dous números adornan a traxectoria da revista Columba, voceiro da sociedade cultural homónima que sacou o primeiro en 1997 e que, desde aquela, contribúe ao coñecemento da península de Covas... e máis alá. Esta tarde, a partir das 20.00 horas, o local da AVV acollerá a presentación da última entrega, que contará coa participación do xornalista e director fundador de Diario de Ferrol Germán Castro.


O xacemento arqueolóxico de Punta Penencia, as pistas sobre un posible observatorio astronómico prehistórico en Santa Comba, as lembranzas sobre persoeiros relevantes da zona, o léxico mariñeiro, os estudos botánicos ou unha análise sobre a situación das palmeiras de Ferrol son algúns dos temas nos trece artigos que aparecen neste número. 


“A primeira tiña vinte e pico páxinas”, lembra o presidente da entidade, José López Hermida, “e fixémola coa impresora da casa”. Era 1997 e, apunta a alma máter da revista, “aínda hai quen a pide, hai moito coleccionista. De todos modos, pode descargarse na páxina web –www.sociedadecolumba.com–”. O prezo deste número é o mesmo ca os anos anteriores, tres euros, por debaixo do valor de impresión, algo que é posible grazas ao patrocinio do Concello de Ferrol e tamén das cetárea de Covas, Gadis e restaurante Beceiro, que colaboran no mantemento deste “órgano de expresión”, como o define López Hermida, dunha sociedade cultural pioneira. 


“Creamos a asociación para mirar pola historia e mais polo patrimonio de Covas e arredores”, explica Hermida antes de lembrar algúns dos capítulos máis rechamantes da súa traxectoria, como a restauración da ermida ou as excavacións no castro que hai na zona. “Temos moitas entradas na web de xente estranxeira”, resalta. “Hoxe xa se fala de temas culturais na zona rural porque daquela só había asociacións de veciños”, comenta.


Agora, o problema é a remuda xeracional que non chega. “Levamos tempo buscándoa porque xa nos imos facendo vellos, pero se alguén quere axudar e empurrar será ben recibido”, convida. 

 

unha ducia de autores colaboran neste número

Os doce autores deste número son Xabier Monteiro e Luis Sánchez-Feijóo –que achegan dous artigos cada un–, Julio César Grandal, Santiago Sánchez de Toca, Xan Rodríguez Silvar, José López Hermida, Pablo Torrella e Javier López, Henrique Dacosta, Luis do Rego, Paulino Gasalla e Fernando Sánchez. 

A sociedade Columba presenta hoxe a última entrega da súa revista

Te puede interesar