Logo dos anos da pandemia, a actividade nos diferentes ámbitos da sociedade foi recuperando pouco a pouco a normalidade, facéndoo incluso en moitos casos con maior pulo e forzas renovadas. É o caso do ciclo Teatro con G, proposta desenvolvida desde a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra –en colaboración co Concello de Ferrol– que este martes inaugurou no Jofre unha nova edición. Fíxoo coa actuación dun grupo profesional, Mofa e Befa, ao que este mércores seguirá outra das compañías con máis sona do panorama galego, Os Ghazafelhos. Porén, neste regreso á escena, serán os grupos dos centros educativos os auténticos protagonistas do cartel. “Teatro con G volta a ter centros que interpretan, volve así á súa idiosincrasia”, destacan desde a organización.
“A verdade é que estamos moi contentos pola gran participación de centros que representan”, salienta Xil López, presidente da Coordenadora. “A demanda de público para asistir ás funcións é maior da esperada, véndonos obrigados a recortar peticións e anular reservas inviables. Preto de 500 estudantes de institutos como o de Canido, Saturnino Montojo, Sofía Casanova, Catabois, Concepción Arenal e Carvalho Calero e dos colexios Tirso de Molina e A Xunqueira asistiron onte á primeira das sesións. Hoxe, uns 300 poderán gozar coa peza “Ninja”, da compañía naronesa Ghazafelhos.
A partir do mes de maio tomarán o escenario do Jofre grupos de centros educativos da cidade e comarca. O día 18 actuará o do CEIP de Esteiro, para representar “Paquita de Troia”. O día 25 será a quenda para a peza “O Pauto”, do grupo Tixuca do IES Carvalho Calero.
En xuño, o colexio Tirso de Molina ofrecerá as obras “As formigas viaxeiras” e “O lobisome”; o día 2 actuarán os colexios Pazos e Eladia Mariño coas obras “Historia dunha reconversión” e “A familia Pradams”, respectivamente; dando paso o día 6 aos grupos do Ludy e do Atios, neste caso para representar as pezas “A vaca que puxo un ovo”, “Rosiña a xordiña”, “A aula de tócame Roque” e “Consultorio de inseguridade”.
O programa terá como final de festa un “Recitado” no mes de outubro no auditorio do Carvalho Calero coa participación de diferentes centros educativos.
O cartel deste ano confirma deste xeito, a xuízo da propia Coordenadora de Equipas, que “son moitos os centros que queren facer ese esforzo de crear teatro e levalo ao Jofre, compartilo cos seus compañeiros, familias e veciños. Se algo temos clarísimo é que o interese e participación dos mestres nas actividades vinculadas coa lingua e a tradición segue vivo na nosa comarca e o que desexamos é que os obxectivos pedagóxicos e lingüísticos se cumpran”, di Xil López.
A consolidada iniciativa constitúe así mesmo unha oportunidade para os nenos e nenas atraídos por esta arte escénica, convertidos en protagonistas dunhas obras e duns procesos creativos que lles permiten achegarse e poñer en valor a súa lingua e tradición, tal e como destacan desde a organización.
Tamén regresa este ano á Praza de España, da man da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, a celebración escolar dos maios, “Ferrol de Frores Cuberto”. A cita, prevista para o vindeiro día 5 de maio, reunirá a máis de mil escolares de dez centros educativos da cidade, o máximo que, por cuestións organizativas, podían ser admitidos –houbo moitos outros centros que tamén amosaron interese pola celebración–.
Tomarán parte así os colexios San Rosendo, Terra de Ferrol, Ponzos, Esteiro, Ludy, Isaac Peral, Lestonnac, Jesús Maestro, Compañía de María e Manuel Masdías. Cada un deles pasará polo escenario para representar a súa copla, baile ou lectura do manifesto, ademais de amosar as súas respectivas composicións florais. O artista Pakolas, que está preparando un tema exclusivo para a cita, presentará e animará o evento e Gadis achegará as merendas dos escolares.