O feito de que a súa presenza na lista de curtas nominadas aos Goya sexa habitual na última década e media podería levar a pensar que perde relevancia pero non, non a perde. Chelo Loureiro volve pór o seu nome na relación de seleccionados para os premios do cinema español, desta volta con “Lola, Lolita, Lolaza”, unha peza dirixida pola tamén actriz Mabel Lozano que aborda, desde a retranca e o amor, como di Loureiro, un tema duro como o cancro de mama. Todos os cartos que lle están reportando os diferentes premios que vén gañando nos festivais destínanse á Asociación Española contra o Cancro.
Pode parecer fácil, pero non o é.
Non o é, non. Eu levo xa moitos anos e seguramente iso fai que se fixen máis en min. As películas nominadas son as que tiveron tamén máis público, pero hai outras boísimas, como “Destellos”, de Pilar Palomero, que non están nominadas. Hai moi bos filmes.
Cal é o principal valor de “Lola, Lolita, Lolaza”?
É unha curta que trata un tema moi serio pero en ton de humor, que eu creo que é como hai que tratar as cousas serias. Mabel e mais eu levabamos tempo falando de facer algo xuntas e o feito de padecelo ámbalas dúas nos achegou aínda un pouco máis. O cancro de mama é a maior causa de mortalidade feminina no mundo. Quixemos facer unha curta de concienciación, aínda que realmente é un documental no que Mabel, en primeira persoa, conta a súa experiencia, o duro que é, as cousas das que non se fala... De todo o que vén despois dos tratamentos. Pero hai que falar diso, desde a perspectiva do humor, e quen o ve non queda indiferente. É unha curta que non esqueces.
Tiñan claro desde o comezo que querían darlle ese ton?
Si, tiñámolo claro porque o humor é o que nos salva. Unha vez que o pasas, a mensaxe é: aquí estamos vivas para contalo. Vas pasar por todo iso, por esta viaxe tan dura, e incidindo, por suposto, no autocoñecemento do noso corpo.
Concibe o cine só como un medio para expresar unha mensaxe, unha carga social?
Si, pero eu sempre digo que o primeiro é entreter. A primeira premisa é que o cine é entretemento, contar historias, pero para min as historias poden levar unha mensaxe e ser igual de bonitas. Podo facer unha comedia para divertir, pero para min é indispensable que as películas transmitan algo e axude a mellorar a sociedade se é posible.
Agora está a colleitar os froitos dunha carreira de fondo, de vinte anos de fondo, nada menos... Séntese realizada?
Sen dúbida, este camiño valeu a pena. O compromiso non é só facer obras audiovisuais dunha calidade, senón o traballo que hai que facer noutros eidos para conseguir o que hoxe temos. Por exemplo, antes podía presentarse aos Goya calquera traballo e nós levamos moitos anos pedindo que haxa un filtro porque, do contrario, os académicos non teñen tempo para velas todas. E os filtros son os festivais, con xurados expertos que seleccionen. Foi un labor de concienciación en moitos ámbitos para que ser un sector serio.