Unha investigadora do Citeni entre "os 200 de Stanford"

Laura Castro é investigadora especializada en enerxías renovables mariñas
Unha investigadora do Citeni entre "os 200 de Stanford"
Laura Castro, no edificio de Batallóns I D. Alexandre

A betanceira Laura Castro é unha das 19 investigadoras e investigadores adscritos á UDC que a Universidade de Stanford inclúe na lista do 2% dos científicos máis influentes do mundo. En concreto, esta enxeñeira industrial experta en enerxías renovables mariñas e profesora na Escola Politécnica de Ferrol, que traballa tamén no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni–, foi incluída na relación na área de Tecnoloxías Estratéxicas. Tamén representa ao campus ferrolán neste ránking Daniel López.


“Foi unha sorpresa verme no ránking, a verdade”, asegura antes de valorar a importancia que ten. “O mellor é que serve para dar visibilidade ao traballo que facemos no Citeni e no Campus Industrial e tamén é unha recompensa, unha maneira de recoñecer o esforzo, sempre encamiñado a intentar ser mellores no que facemos”. 


O eido de traballo de Castro céntrase nas enerxías renovables mariñas. “Vimos de rematar”, explica, “varios proxectos de investigación –un europeo e un outro nacional– sobre o desenvolvemento de ferramentas para seleccionar as mellores localizacións de distintos tipos de enerxías renovables mariñas, como a eólica mariña, a enerxía das ondas (undimotriz) etc”. Actualmente dirixe canda Almudena Filgueira outro proxecto derivado do programa Seasun do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Trátase –este é o título– da “Caracterización dun software para determinar a folla de ruta da energía solar mariña na costa española”.


“Traballamos en identificar”, sinala a investigadora e docente da UDC, “as mellores áreas para a instalación deste tipo de enerxías, sempre tendo en conta parámetros ambientais, pero tamén técnicos, de cálculo de custos, viabilidade económica etc”. 


A enxeñeira lembra que nesta altura a enerxía solar mariña “non está aínda en procesos comerciais, pero si se está analizando a súa viabilidade, non só para estar illada no mar, senón tamén para abastecer sistemas de hidróxeno verde, por exemplo. No futuro, para determinadas áreas si pode ser rendible economicamente e tamén boa para o ecosistema. Hai que estudalo”, precisa. 


Castro apunta que para localizar estas zonas axeitadas para instalar tecnoloxía solar mariña non se ten unicamente en conta o “volume” de recurso dispoñible, senón que existen outros condicionantes ambientais. “Pode haber sitios que económica ou enerxeticamente sexan moi bos pero que por aí haxa grandes bancos de peixe, que pase unha liña de navegación ou que afecte a un parque natural e, loxicamente, aí non se poderá instalar”. Polo tanto, conclúe, “hai que combinar parámetros técnicos, económicos e medioambientais para saber cales son as mellores zonas”. 


Nesa liña, a investigadora do Citeni considera que “se queremos cumprir cos estándares europeos dunha transición enerxética temos que compatibilizar distintos tipos de enerxías tendo en conta as potencialidades e o contexto”.


O proxecto, que conta coa colaboración do Politécnico de Milán e da Universidade de Birmingham, vai ampliar o seu corpo coa contratación, en breve, de dúas persoas máis. 

 

Laura Castro: “A vida dunha investigadora é moi dura, pero tamén moi gratificante”

A relación de proxectos de investigación e publicacións en revistas especializadas de Laura Castro comeza a ser moi longa. Ademais, compatibiliza este labor coa docencia. “A vida da investigadora é moi dura”, recoñece, aínda que ten a súa recompensa. “Con todo, tamén é moi gratificante e creo que o esforzo merece a pena porque, ao final, traballas no que che gusta e é bonito que así sexa e poder facer un servizo á sociedade. Non é só que che guste, senón que aínda por riba podes aportar algo á sociedade, como investigadora e tamén, no meu caso, como profesora: devolves á sociedade o que aprendiches e tamén aprendes de todo o mundo co que traballas”, remata. 

Unha investigadora do Citeni entre "os 200 de Stanford"

Te puede interesar