As poderosas Martirio, Uxía, Carmen París e A Pedreira fúndense en “Enredadas”, un concerto que se exhibirá no teatro Jofre este sábado, ás 20.30 horas. Trátase dun dos destinos predilectos para a súa artífice, polo que aproveitará a oportunidade para facer partícipe a unha convidada especial á que se renderá homenaxe. O cuarteto recompila cantigas tan diversas como as coplas, as xotas e os alalás, para propoñer un espectáculo no que as músicas de raíz se reinventan.
Despois de viaxar por numerosos puntos fóra de Galicia, este ano o proxecto xa subiu a grandes escenarios coma os das festas do Apóstolo, en Compostela, ou o San Froilán, en Lugo. Nesta ocasión, chegan ao histórico teatro ferrolán, “un dos máis fermosos da nosa terra e onde sempre me sentín como na casa”, expresou Uxía. Esta artista, que tamén está ligada á cidade no eido persoal, deu conta da súa particular ilusión por este concerto, nun lugar “onde se respira música e arte”.
A cantante lembra, en especial, actuacións neste mesmo espazo ás que foi como público e tamén nas que foi protagonista, como as do ciclo Músicas Portuarias, organizado por aCentral Folque, a máis recente colaboración con Malvela e o acto no que se recoñeceu a Chelo Loureiro como Muller Ferrolá do Ano.
Nesta homenaxe estivo acompañada de Pilocha e tamén de María Manuela, “unha artista coma a copa dun pino”, declarou Uxía, que ademais de música tamén é pintora. Esta acompañará ás catro “Enredadas” no Jofre, porque “queremos reivindicar mulleres coma ela, que fixeron tanto pola nosa música en galego e ligada á poesía”, continuou.
Uxía está inmersa, nestes momentos, na preparación do seu cuarenta aniversario en escena, que cumprirá en 2025. “Pasa moi rápido porque estás facendo o que che gusta”, valorou. Á marxe desta celebración, segue con traballos compartidos que a levan polo estranxeiro ou dando a coñecer discos coma o que gravou con Javier Ruibal, “De tu casa a la mía”, no que recordan poemas de Lorca e Rosalía. “Teño que facer encaixe de bolillos para organizar datas”, co obxectivo de “que convivan todos os proxectos en harmonía”, explicou a artista de Sanguiñeda.
Segundo a propia artífice, o concerto que chegará hoxe a Ferrol “naceu porque a Deputación da Coruña convidoume a facer un proxecto para o 28 de novembro, o día contra a violencia machista, no teatro Colón”, indicou. Para a consecución desta tarefa, a obra tiña que estar protagonizada por mulleres “e pensei nelas, nas que agora somos ‘Enredadas’, porque creo que temos moito en común, máis do que parece a simple vista”, sinalou. Así pois, nun inicio, a idea era realizar un único concerto, mais a súa satisfacción e a resposta do público foi tan positiva, que a proposta debía estenderse no tempo e no espazo.
Os instrumentistas que acompañan as voces, ás cordas, continúan sendo os mesmos dende o principio, Marcos Teira e Sérgio Tannus. Por outro lado, as catro “Enredadas” achegan algo diferente ao espectáculo. A garra maña de Carmen París, o humor da Pedreira e a capacidade de interpretación de Martirio son algúns dos trazos que quixo remarcar a súa compañeira.
As integrantes do cuarteto comparten a reinvención que realizaron das músicas populares procedentes de cada unha das súas terras. “Unha nova visión dende o risco, a experimentación e a liberdade creativa”, resumiu Uxía, que celebrou “que sigamos en activo tantos anos despois e con máis ganas que nunca, mesmo de facer cousas novas”. “Estamos en ‘Enredadas’ para romper moldes e prexuízos, para permitirnos un atrevemento de facer o que queremos facer”, concluíu, advertindo tamén da intención futura de que o proxecto remate por rexistrarse nun traballo discográfico.