Xaquín Marín –Ferrol, 1943– recibe hoxe, a piques de cumprir os 80 anos (e xa superadas as seis décadas de traxectoria artística), a homenaxe da federación Galiza Cultura, que o considera “o humorista gráfico galego máis relevante despois de Castelao”. “Non vou dicir que non teña nervio ningún, pero xa pasei por moitas”, comenta a véspera deste acto de entrada libre até completar aforo que principia ás 19.00 horas.
Ademais dos nervos, que sente ante tanto agarimo?
É unha xustificación de vida e traballo, pero eu quero pensar que no meu sitio podía haber moita xente que ten o mesmo ou máis mérito ca min. Focalízano en min porque estou nun sitio en que a xente ve o que fago. Ese é o único mérito que teño.
“O humorista gráfico máis relevante desde Castelao”, di a federación que o homenaxea. Non sei se iso lle dá algo de vertixe...
Non podo dicir que teñan razón. Son un máis que traballou –moito, iso si– e coido que coa idea de facer algo especial. Sempre tiven a idea de facer arte co debuxo e o humor.
A sona e o recoñecemento chegaron co humor gráfico, mais vostede ten dito que o que quería de novo é ser pintor...
Si, si, eu quería ser pintor. Fun a Madrid para intentar selo e vivir a bohemia. Fixen varias exposicións, pero atopeime con Rei-mundo Patiño. El viu os traballos que tiña e díxome que o meu debuxo era moi axeitado para facer cómic; entón púxenme decontado a facer cómic, publiquei na revista “Chan”, que facían galegos en Madrid, pagáronme... O cómic tiña máis difusión que a pintura, aínda que tampouco demasiada, pero buscabamos difusión e comunicación coa xente.
Que supuxo para vostede o encontro con Patiño?
Fíxate: cambiei de todo, de ser pintor a ser debuxante e de ser debuxante a ser debuxante de humor, porque pasei do cómic á viñeta, que era moito máis doada de publicar.
Viviu en dúas etapas en Madrid cando estaba traballando en Astano. Que lembranza ten do estaleiro naquela época?
Astano foi a miña universidade, alí aprendín a ser persoa e a debuxar tamén porque na maioría do tempo que estiven alí estiven en oficina, coa miña mesa e ás veces o meu espazo privado e debuxaba como un tolo, a todas horas. Polo tanto, a maioría de debuxos que hai hoxe están feitos en Astano.
Cal cre que é a cualidade más importante que debe ter un humorista gráfico?
O humorista gráfico ten que procurar non só debuxar, senón facer un texto axeitado, que sexa comprensible e, no meu caso, con intención de dicir algo, que é a miña ideoloxía, que non sei moi ben cal é, pero é a miña.
No seu caso sempre hai unha mensaxe, unha crítica, un fondo ideolóxico, social ou político. Puido expresalo sempre sen problemas ou sufriu a censura?
Direi que houbo algúns “problemiñas”, pero afortunadamente sempre houbo directores que lidiaron a favor miña e a min case nunca me chegaron. Os únicos que tiven eu directamente son que me chegaban algúns anónimos, pero, vamos, o normal. Actualmente non hai ningún problema.