Xavier Castiñeira: “Todos temos unha relación con Fraga, para ben ou para mal, e cada un quere ver o que din del”

Xavier Castiñeira: “Todos temos unha relación con Fraga, para ben ou para mal, e cada un quere ver o que din del”
Esta é a sétima obra da parella creativa de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, autora do texto | RAMÓN VAQUERO

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado, ás 20.00 horas, o espectáculo “Iribarne”, a cargo de Butacazero, cun aforo que supera o 80% nos días previos.

 

De onde xorde a idea? 
A idea nace da observación. Esther e mais eu estabamos de vacacións coa nosa furgo-casa pola costa valenciana e pensei: por que cada vez que imos a un sitio parece un Benidorm a distinta escala? Máis grande ou máis pequeno, eran sitios que perderon toda a raíz. E a resposta foi Fraga, “La España del turismo”, o que nos fixo preguntarnos tamén cal é o impacto desta figura de alcance nacional na nosa contemporaneidade. Iso foi o que nos levou a investigar e dende esa viaxe naceu o espectáculo.

 

Que supón na súa carreira?
Esta obra é coma un cumio de moitas outras anteriores, nas se ven moitas liñas estéticas da compañía. É unha peza que dura tres horas e que resume moitos anos de investigación persoal doutros espectáculos.Tamén é unha especie de punto e á parte, xa que agora quero ir por outras liñas.


Que foi o máis difícil da súa tarefa como director de “Iribarne”? 
Xuntar algo tan grande. O texto de Esther ten unha profundidade e unha investigación moi densa. Así que o máis complicado foi facer súper ameno e entendible o contido con todos os outros elementos como a interpretación, a iluminación ou a escenografía.

 

Tiña algún obxectivo?
Un foi contar a historia dende lugares que nunca se contan. Para nós foi moi importante ver que había detrás da historia que nos contaron. Sempre digo o mesmo, pero é moi revelador. Eu, que estudei na EGB, nunha clase aprendín que comezou a guerra civil e na seguinte xa estabamos coa democracia. Isto fíxome ver que houbo un pacto de silencio na sociedade e descubir as mentiras e segredos que houbo neste país con certas cuestións.


Que pode esperar o público?
Todos temos unha relación con Fraga, para ben ou para mal. Cada un quere ver o que din del, en calquera dos sentidos. Cada espectador ten unha visión do que significa para el. Nunha sátira política como é esta, en clave de humor, é realmente interesante a reacción do público. Sei de xente que a viu tres ou catro veces, así que penso que algo bo estaremos facendo. 

Xavier Castiñeira: “Todos temos unha relación con Fraga, para ben ou para mal, e cada un quere ver o que din del”

Te puede interesar