Diario de Ferrol e a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao dan o pistoletazo de saída a Xincana Portuaria Ferrolá, unha actividade cun dobre obxectivo: coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos da dársena de Curuxeiras e a súa contorna, e colaborar cunha doazón coa delegación ferrolá do Banco de Alimentos Rías Altas.
Contando coa colaboración da Confraría de Pescadores de Ferrol e o restaurante A Maruxaina, as persoas que acaben o percorrido pasando por todos os puntos e deixen alimentos non perecedoiros ao finalizar, entrarán no sorteo dun menú para dúas persoas no establecemento e dun lote, tamén para dous, de produtos da ría, xentileza da peixería A Túa Lonxa.
Como participar? É moi doado tomar parte na xincana. O primeiro paso é rexistrarte na nosa web para poder deixar un comentario nesta mesma noticia, no que poñas o teu nome completo. Aquí abaixo tes a primeira das pistas. Pensa ben o lugar ao que tes que ir e diríxete alí cun móbil que permita ler códigos QR.
Hai un total de nove pistas adhesivas agochadas en nove puntos na parte do barrio de Ferrol Vello máis achegada á fachada marítima. Unha vez que pases por todas elas, terás que deixar a túa doazón xunto co teu nome completo, no edificio da Autoridade Portuaria en horario de 9.00 a 13.00 horas, de luns a venres. Tes desde o 12 de novembro ao 8 de decembro para completala! A semana seguinte faremos o sorteo e daremos o premio á persoa gañadora.