Un total de 3.500 espectadores verán hoxe e mañá no Pazo da Cultura de Narón o dúo Touriñán-Perdomo, que ofrece o seu espectáculo “Corentena”, baseado naqueles directos que fixeron máis levadeiro o confinamento en marzo e abril de 2020.
Encher catro veces en dous días o Pazo da Cultura é un fito. Séguelle sorprendendo o éxito?
Sorpréndeme porque non é tan doado que pase, pero penso que a xente ten moita falta de rir, de pasalo ben, de esquecer as penurias do día a día, dos agobios... e eu creo que ese servizo social que tamén facemos é a clave. É fabuloso porque, ademais, o que pasa con este espectáculo con Perdomo é que o pasamos tan ben, con tanta improvisación e cun recordo tan guai daquela experiencia no confinamento e que nos uniu a través das redes con tantas persoas, que é como volver a esa sensación de directo coa xente, que o que quere é rir e olvidar dos problemas do día a día.
Esas ganas que percibe no público aumentaron trala pandemia?
Creo que subiron un puntiño máis. Teño a sorte de que sempre que traballamos a resposta do público foi marabillosa, pero si que se subiu un punto, e iso tamén o vemos, por exemplo, nos festivais de música. A xente quere facer cousas, gozar do tempo: antes ao mellor preferías traballar dúas horas máis e que chas pagaran ben e agora o que queres é ter esas dúas horas libres para vivir. E nós formamos parte do tempo de lecer e de calidade que a xente quere aproveitar.
Foi complicado “ordenar” ou darlle forma a esa iniciativa dalgún modo caótica e tan improvisada dos directos da pandemia para levar o espectáculo a auditorios?
Empezamos facendo unha xira de proba, porque tampouco sabiamos ata onde, pois era un espectáculo un pouco “gamberro”. Logo levámolo ao “Castelo Conta”, con xente de todas as idades, e funcionou moi ben. Entón decidimos sacalo a teatros e auditorios. Non foi difícil porque o máis difícil xa o tiñamos, que era sacar todos os personaxes nos directos, e o fío polo medio é ir contando, falar do que nos apetece, do que nos preocupa, das nosas vivencias durante a pandemia e sobre que cousas podemos facer humor ou non.
En canto aos límites do humor, é algo que lles preocupa? Delimitan claramente esas liñas “vermellas”? Condiciónaos?
Condiciónanos a todos nas nosas vidas. Cambiaron moito os límites: xente que se ofende, confúndese o respecto coa censura ou cos tabús e ás veces é difícil saber por onde... Condiciónache pero tamén intentamos que non o faga e, de feito, nada máis comezar o espectáculo dicimos: “Imos intentar ofender a todo o mundo para que ninguén se sinta discriminado”. Estamos agora neste momento de regulación, de saber ata onde, o que é ou non é humor... Pero coido que o humor xa non ten que xestionalo o humorista, senón o público receptor. Nós non facemos humor para ferir ou magoar a ninguén, senón simplemente para que faga graza, e o que ten que cortar ou pór as liñas é o espectador: se non che gusta, cambia de canle.
Vostede e Perdomo son dous humoristas moi distintos. Como é traballar con el?
Eu sempre digo que debería pagar a entrada por ver a Perdomo. Que como é traballar con el? No meu caso é moi doado porque nos coñecemos desde hai moito tempo, admíroo e hai unha complicidade marabillosa. Somos completamente distintos porque el fai un humor máis “punki” e máis directo; eu teño un estilo máis “branco” ou para todo o mundo, pero creo que combinamos e maridamos moi ben. Sempre digo que eu son o que lle aguanta a correa para deixalo ir ata onde igual xa se mete en líos (ri). Xogamos moito a iso tamén. Traballar cun tipo coma el é rir moito, moitísimo, e quero que siga así porque disfruto moito e máis cando o espectáculo ten o éxito que ten.