A Xunta destina 624.000 euros para un estudo do laboratorio de análises clínicas do CHUF

A Xunta destina 624.000 euros para un estudo do laboratorio de análises clínicas do CHUF
Un técnico facendo o seu traballo no laboratorio do Marcide |Cedida

A Xunta de Galicia inviste un total de 623.912 euros na subministración sucesiva do material e cesión dos equipos necesarios para realizar as determinacións de autoinmunidade e calprotectina fecal do Servizo de Laboratorio de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Ferrol. Así se reflicte no prego que publicaba esta semana a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Este contrato supón incorporar a máis nova tecnoloxía para estas probas específicas, que substituirá e actualizará a existente, e nas que se realizan unhas 57.000 determinacións anuais só neste eido: 52.211 probas de autoinmunidade no pasado ano 2023; e 5.025 de calprotectina nese mesmo período. As determinacións de autoinmunidade realizadas no sangue, como explica a facultativa especialista en Análises Clínicas, Belén Fernandez Saya, serven para valorar os diagnósticos relativos ás enfermidades autoinmunes, como, por exemplo, o lupus, a artrite reumatoide, ou a celiaquía, entre outras moitas. Pola súa banda, as probas de calprotectina realízanse nas feces, e son útiles fundamentalmente para o diagnóstico e distinción das enfermidades inflamatorias intestinais. Estas determinacións incrementáronse nun 23% nos últimos tres anos explica esta profesional. 

 

Dous facultativos especialistas en análises clínicas e dúas técnicos de laboratorio ocúpanse desta sección concreta do Servizo de Análises Clínicas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Técnica na que o servizo do CHUF destaca Unha das técnicas empregadas para o diagnóstico de certas enfermidades autoinmunes é a inmunofluorescencia indirecta. 

 

Nesta técnica, márcanse con fluorescencia os distintos elementos a analizar e, posteriormente, obsérvanse cun microscopio de fluorescencia para determinar patróns e intensidade de fluorescencia. 

 

O Servizo conta cun sistema automatizado para a lectura desta técnica, e este sistema xera imaxes fotográficas que, posteriormente, se integran e poden ser revisadas sen necesidade de empregar a microscopia específica, quedando incorporadas no sistema informático de laboratorio na historia do paciente, o que permite facer o seguimento do mesmo. O Complexo ferrolán destaca nesta técnica xa que foi o primeiro Servizo de Galicia en incorporala, e conta con ampla experiencia na súa interpretación. Con este expediente vaise incorporar a última versión deste sistema. 

 

En termos xerais, 54 profesionais fan posible o diagnóstico das diferentes patoloxías no Servizo de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Ferrol, que realizaba un total de 4.697.641 determinacións a pacientes desta Área, no pasado ano 2023, e que da conta do enorme volume de actividade de apoio que realizan para os profesionais nos distintos eidos, tanto no ámbito hospitalario como no centro de saúde.

A Xunta destina 624.000 euros para un estudo do laboratorio de análises clínicas do CHUF

Te puede interesar