“Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta” é a última obra escrita por Xurxo Souto, que vai presentar este xoves no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, ás 19.30 horas. A partir desta creación o autor realiza un manifesto que calquera pode asinar, no que propón un reencontro didáctico entre a música e a poesía, que interpreta como inseparables. O encontro contará tamén coa outra faceta do artista, e esta é unha das partes máis emocionantes para o el, xa que en moitas das sesións que ofreceu por outros puntos da Comunidade, “sen coñecernos acabamos todos cantando xuntos”, indica Souto.
“Temos unha cultura diferenciada que está cargada de vida e de creatividade”, explica o autor para xustificar o título da obra. Seguindo esta liña, citou a Luis Seoane, cando expresara a súa intención de enriquecer o mundo coa singularidade dos galegos. Esta idea constatouna co éxito internacional de artistas como as Tanxugueiras, valoradas por crear a súa arte dende as raíces galegas.
“É marabilloso que un lugar pequeno como é Galiza sexa unha factoría de talento e que produza tanta cultura, algunha cunha proxección exterior moi importante e outra que está nos contextos máis domésticos”, relata Xurxo Souto. O artista puxo o exemplo das traballadoras das fábricas de conserva que, até hai algúns anos, realizaban canción social contra o encargado que as explotaba.
“Falamos de miles de mulleres” e “todo iso é música popular que nunca ninguén recolleu”, manifesta. Asimesmo, o autor reclama a necesidade de eliminar os prexuízos elitistas, o que conecta coa obra que o inspirou. O libro que a escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas escribiu en 1999, “O outro lado da música, a poesía”, ao que ela mesma lle referira, cambiou a vida de Souto, e de aí o subtítulo de “O método Luísa Villalta”.
A nomeada opinaba que non existe alta nen baixa cultura, o que importa é a emoción. Ademais, o artista aproveitou para remarcar que, unha vez rematada a conmemoración da Real Academia, é o momento máis indicado para espallar a súa palabra. “Podes facer unha canción popular humilde, un canto de berce, que se deixas durmido ao meniño ou meniña que tes no colo, cumpriches coa máis alta función poética”, considera Xurxo Souto.
Asimesmo, do libro extráese a idea de que existe unha visión limitada da cultura. “Luísa Villalta dicía que a música e a poesía son o mesmo e que a literatura, en concreto a galega, está mal contada”, comunica Souto.
O argumento parte dos propios inicios desta historia, coas cantigas medievais e segue coa chegada do Rexurdimento, cando Rosalía de Castro achega os “Cantares Gallegos”, ou a “Alborada”, desta mesma ilustre escritora, que é unha peza propia da música e a lírica tradicional.
Esta teoría baséase, pois, en que a literatura está feita para a melodía. “A proclama de Luísa é que a poesía é máis poesía cando leva música”, declara Souto. Ela comparaba, por exemplo, a Álvaro Cunqueiro co compositor húngaro Béla Bartók polo seu uso de “elementos populares ou arcaizantes como unha forma de modernidade”, comenta o escritor.
As palabras e o ritmo son os dous principais compoñentes que definen a poesía, aínda que segundo Souto, a partir da popularización dunha lírica sen música entendeuse que toda tiña que ser dese xeito. En conexión con isto, o autor opina que se desconsideran estes dous mundos inseparables, poñendo o caso dos escritores dos textos das cancións, aos que non se lles chama poetas senón letristas, a pesar de ser realmente o mesmo.
O autor do libro cita dous casos do panorama literario actual, Luis Pérez e Rosalía Fernández Rial, dos que disfruta en particular, precisamente, por non utilizar a música como sintonía de fondo para os poemas senón que están no centro da súa creatividade.
Coa obra, Souto propón reflexionar sobre a cuestión de que “toda a nosa vida explicáronnos a poesía sen música” e abre a posibilidade a unha transformación. Co nome de “Manifesto Villalta. Polo reencontro didáctico entre a música e a poesía” solicita a sinatura, en Change.org, de quen estea de acordo coas premisas que expón no seu último libro.