A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, esixe que “dunha vez, por favor” a reciba o ministro de Transportes, Óscar Puente, “para poder trasladar todo o que desde Galicia” hai que dicir respecto diso da autoestrada AP-9.
Así se pronunciou onte a conselleira a preguntas dos xornalistas tras unha rolda de prensa sobre dixitalización de estradas. En concreto, censurou seguir “coa calada por resposta” por parte do Ministerio.
“Sabido é que levamos anos demandando a transferencia, agora tamén ese posible rescate, tendo en conta que dese estudo que realizamos soubemos que as bonificacións ata o fin da concesión e o custo do rescate é moi similar”, destacou.
Así mesmo, Martínez Allegue apuntou ás recentes declaracións do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de “anuncio” de “unha posible gratuidade” e recriminou que “de súpeto se dá carpetazo” desde o Ministerio. “Non sabemos moi ben o que está a acontecer”, comentou.
En todo caso, a conselleira sinalou que “a esperanza non se pode perder nunca” e a “similitude” de custo entre bonificacións e rescate asegurou que “son datos obxectivos”.
Pola súa banda e neste senso, o PPdeG vai presentar unha iniciativa no Parlamento galego para instar o Goberno a elaborar de maneira urxente un informe no que xustifique a súa postura de que o rescate da AP-9 é “inasumible” para as arcas públicas e “non é viable”.
Nunha rolda de prensa onte no Parlamento, o voceiro do PP, Alberto Pazos Couñago, argumentou que o diñeiro reservado para as bonificacións ás peaxes nesta autoestrada ata o final da concesión en 2048, un total de 3.150 millóns de euros, é “moi superior” aos 2.331 millóns que suporía o propio rescate, segundo un informe encargado pola Xunta.