Os orzamentos galegos de 2025 quedan aprobados polo PP, con só unha emenda dos grupos da oposición

As próximas contas ascenden a 13.954 millóns, un 2,6% máis que as de 2024, cunha previsión de alza do PIB dun 2,1 %
Os orzamentos galegos de 2025 quedan aprobados polo PP, con só unha emenda dos grupos da oposición
O conselleiro de Facenda recibe a felicitación do presidente da Xunta no pleno do Parlamento galego | Lavandeira Jr (Efe)

Os orzamentos da Xunta para 2025 quedaron aprobados onte no pleno do Parlamento de Galicia, un ano máis co único apoio da maioría parlamentaria do PPdeG, que só aceptou parcialmente unha emenda das case 1.200 que presentadas polos grupos da oposición.


Os orzamentos autonómicos de 2025 ascenden a 13.954 millóns de euros, un 2,6% máis que os deste ano, cunha previsión de crecemento do PIB do 2,1% e unha taxa de desemprego que descenderá ata o 9,1%.


Estas contas públicas son “carbón para os galegos”, criticou a líder do BNG, Ana Pontón, mentres que “poñen a alfombra vermella ao lobby eléctrico e a Altri”, e demostran a deriva“ absolutista e antidemocrática” do PP que non aceptou nin unha soa das 580 emendas nacionalistas.


Para o PSdeG son uns orzamentos que “non dan resposta ás necesidades que ten Galicia”, segundo a deputada socialista Elena Espinosa, quen augurou que “non van reverter os recortes e a precarización dos servizos públicos”.


En cambio, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu os orzamentos para 2025 como unhas contas “pensadas para o futuro, desde a estabilidade, ilusionantes e ao mesmo tempo realistas”, fronte a unhas emendas da oposición que son unha “fantasía” e só reflicten a “inestabilidade” destes partidos.


A única proposta da oposición que se incluiu, xa nun trámite anterior, foi a transacción dunha emenda socialista pola que se destinará medio millón de euros para o proxecto de crear un museo da romanización en Lugo, aínda que o PSdeG pedía dous millóns de euros. 


Tanto o BNG como o PSdeG votaron en contra destes orzamentos, así como o único deputado do grupo mixto, Armando Follea (Democracia Ourensana), que considera só consolidan o “statu quo” de discriminación á provincia de Ourense.


Pontón considerou que non son os orzamentos que necesita Galicia e insistiu en que o PP é “o partido do non” porque ao rexeitar as emendas da oposición di “non a ter unha mellor sanidade pública, non a aumentar os medios para loitar contra a violencia machista ou a deixar de facer negocio coa vellez”.


Ademais de defender as emendas do seu partido, a líder da oposición referiuse á manifestación multitudinaria do domingo en contra do proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo), que considera que mostra que a “dignidade” dos galegos fronte “a propaganda e a manipulación” da Xunta, e denunciou o intento do PPdeG de “boicotear” a comisión sobre a contratación pública.


Prado asegurou que “fronte á ideoloxía e os dogmas” do BNG, que cre que están detrás da manifestación contra Altri, o PP sempre vai elixir “o traballo e o crecemento económico” e criticou a quen se manifestou “con outros fins que nada teñen que ver co medio ambiente” e falaron “de batallas e de guerras” mostrando “posturas radicais” das que instou a Pontón a desmarcarse.


Sobre a comisión de investigación aventurou que Pontón “vai ter que comprar moitas luvas ignífugas” se pon a man no lume pola contratación das administracións gobernadas polo BNG.


Pola súa banda, Espinosa lamentou que os orzamentos se aproban “case en idéntica situación” a como se presentaron no Parlamento, polo que este debate no pleno é “un mero trámite”, tras o que despois as contas “non se cumpren” porque quedan importantes partidas “inexecutadas” cada ano. 
 

Os orzamentos galegos de 2025 quedan aprobados polo PP, con só unha emenda dos grupos da oposición

Te puede interesar