A Rede de Polos impulsa o talento emprendedor na comunidade galega

A Xunta conta con 15 destes centros activos en toda Galicia tras a inauguración do de Vilanova de Arousa
A Rede de Polos impulsa o talento emprendedor na comunidade galega

Galicia aposta polo emprendemento como un motor de crecemento, competitividade e xeración de emprego e riqueza. O Goberno galego sinala como unha das súas prioridades estratéxicas a de poñer ao servizo do tecido emprendedor todos os recursos e apoios necesarios para favorecer que aquelas persoas que queren poñer en marcha un proxecto ou negocio atopen na rexión o acompañamento necesario para facelo realidade.


Neste contexto, unha das grandes apostas da Xunta ten sido a creación da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa pública nada en xullo de 2022 que presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na comunidade como a quen xa o fixo, pero quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico.


Actualmente –e tras a recente inauguración do Polo de Vilanova de Arousa, con sede no pazo de Vista Real–, esta iniciativa conta con 15 oficinas activas en diferentes localizacións do territorio galego: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro en Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e tres en Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa).


Desde a súa apertura, no total de Galicia xa se atenderon máis de 2.800 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalería e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, realizáronse máis de 7.500 titorías e preto de 1.000 actividades, como reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.


A Rede de Polos tamén ten constado neste tempo o seu potencial para seguir favorecendo o emprendemento feminino. De feito, o 60% dos proxectos atendidos ata o de agora están impulsados por mulleres, o que amosa as oportunidades que ofrece o ecosistema emprendedor galego para o liderado feminino.


Remuda xeracional

Dentro da propia Rede de Polos, Galicia tamén ten en marcha un plan específico de remuda xeracional, ofrecendo acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio galego para garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de persoas emprendedoras que os manteñan. Na actualidade, arredor dun 7% dos proxectos atendidos son desta índole, favorecendo así que novas persoas poidan facerse cargo dun proxecto empresarial consolidado e viable e reducindo os riscos da posta en marcha dun novo negocio.


Outra das súas funcións –esta vez no marco da Estratexia Galicia Retorna– é favorecer a integración sociolaboral dos emigrantes galegos e os seus descendentes que, estando en orixe, contemplen o autoemprego como vía para o retorno. Trátase dunha medida que, ademais de combater o reto demográfico, permite seguir sumando talento e capacidades ao tecido produtivo da comunidade. Este colectivo tamén conta co apoio do programa de mentoría Merlo para emprendedores retornados.


En 2025 a Xunta seguirá reforzando o emprendemento de xeito estratéxico, cun investimento global de 32 millóns de euros, e con foco en colectivos prioritarios como a xuventude, a través da Estratexia Mocidade Activa –dotada con 20 millóns de euros a maiores só por parte da Consellería de Emprego–, para que os galegos retornados que contemplen o autoemprego como vía para o retorno –cun investimento dun millón de euros no programa de mentoría Merlo–; ou os nómades dixitais, a través da consolidación do proxecto Fixar, que busca atraer emprendedores ao rural galego. Esta iniciativa, que se realiza en colaboración coa Asociación Cultural Sende e integra os ‘coliving’ de Lobeira (Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña) avanzará en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, cuxa posta en marcha poida ser beneficiosa para a persoa emprendedora, ademais de para a contorna na que se implante.

 

Premio para Galicia

Tanto a Rede de Polos de emprendemento como os proxectos de ‘coliving’, así como ferramentas como o Mapa do Emprendemento virtual ou a publicación de microguías para poñer en marcha e xestionar un negocio, teñen sido clave para facer a Galicia merecedora do premio á Rexión Emprendedora Europea 2025. 


Este galardón recoñece o esforzo da Xunta para desenvolver o potencial das catro provincias a través de iniciativas empresariais que dinamicen a economía, atraian traballadores de alta cualificación e impulsen novos negocios ligados ao territorio, contribuíndo así a fixar poboación no rural. 

 

Fase final do programa Ultreia

A Xunta celebrará o vindeiro 3 de decembro no Mosteiro de San Clodio, no concello ourensán de Leiro, a fase final da primeira edición 
dos encontros Ultreia, unha xornada coa que culminará esta iniciativa realizada en colaboración coas confederacións empresariais de 
cada unha das provincias galegas e que naceu co obxectivo de consolidar o emprendemento en Galicia e deseñar solucións conxuntas 
antes os principais desafíos que enfronta o territorio. Durante a mesma, as 15 empresas emerxentes seleccionadas nas xornadas 
provinciais terán a oportunidade de participar no Foro de investimento para buscar apoios para os seus proxectos. Ademais, presentaranse as conclusións dos eventos Ultreia provinciais e daranse a coñecer experiencias e casos de éxito. Precisamente o informe GEM 
2023-2024 presentado esta semana reflicte que o ano pasado foi moi positivo para a actividade emprendedora en Galicia, 
especialmente entre a xente nova. Así, o documento -que elabora a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración 
coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta- mostra unha melloría na percepción de oportunidades para emprender, 
subindo a Taxa de Actividade Emprendedora do Taxa ao 6,3% fronte ao 5,4% do ano anterior.

A Rede de Polos impulsa o talento emprendedor na comunidade galega

Te puede interesar