O sector vitivinícola reúnese para poñer de relevo a excelencia da produción galega

O sector vitivinícola reúnese para poñer  de relevo a excelencia da produción galega
O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu este 2024 a última edición das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia | aec

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu este 2024 a última edición das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, onde se puxo de relevo a excelencia dos viños e as bebidas espirituosas que se producen en Galicia, e que contribúen a consolidar o papel da nosa comunidade como destino enogastronómico de referencia. 


Este ano o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco de Galicia foi para Pazo de Rubianes, da adega homónina, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas; mentres que o galardón ao Mellor Viño Tinto levouno Alan de Val, de Alan de Val SAT, da DO Valdeorras. O evento tamén premiou con Acios de Ouro aos mellores viños de cada unha das cinco denominacións de orixe que ten Galicia (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra).

 

Galicia é sinónimo de calidade en moitas vertentes relacionadas coa gastronomía como as bebidas espirituosas


No eido das bebidas espirituosas o Pote de Ouro foi para Vedra do Ulla, de Augardentes de Galicia SA, como mellor augardente con Indicación Xeográfica (IX). Se falamos da Pote de Ouro da Augardente de Herbas de Galicia, cómpre mencionar Meu Ceo, de Orujos y Licores Augavella, que producen tamén Tantum, galardoado como o mellor Licor de Herbas cun Pote de Ouro. No eido da Augardente de Galicia Envellecida cómpre mencionar a Abadía da Cova Ouva, de Adegas Moure, premiada co Pote de Ouro. Por último, no eido do Licor Café, o Pote de Ouro foi para Meu Ceo, de Orujos e Licores Augavella.  


A maiores, galardoáronse os mellores viños con IXP (Terras Mancas, da adega homónima, pertencente á IXP Valdomiño-Ourense); os viños de variedades senlleiras (Máis de Cunqueiro. Torrontés, de Bodegas Cunqueiro, da DO Ribeiro); viños escumosos (Terra de Asorei Brut Nature, de Adegas Terra de Asorei, da DO Rías Baixas) e incluso viños de Colleiteiro e de pequenas adegas, con Acio de Ouro Branco, para Lagar da Cachada, de Ricardo Abal Padín, da DO Rías Baixas, e Acio de Ouro Tinto, que foi parar ao Cotarelo, de Benigno Ríos Mosquera, da DO Ribeiro. 


Por último, entregáronse Acios de Ouro, Prata e Bronce (nas categorías de branco e tinto) a aqueles viños de elaboracións con madeiras e viños de colleitas anteriores.


Esta edición contou con máis de 400 mostras pertencentes a preto de 200 empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que se presentaron ao certame, e que foron valoradas por 65 profesionais. Estas mostras avaliáronse en catas a cegas que tiveron lugar no Pazo de Quián, en Sergude. Co obxectivo de determinar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais, o evento dividiuse en dúas etapas: unha fase pre-cata ou selección previa, e unha cata final na que participarán expertos de diversos ámbitos relacionados coa enoloxía e o sector agroalimentario.

 

Referentes no sector
Galicia é un referente no sector vitivinícola, un eido conformado por preto de 500 adegas, máis de 10.000 viticultores e 15 destiladores, e que xera cada ano un valor económico de 230 millóns de euros na nosa comunidade. Con todo, Galicia é sinónimo de calidade en moitas vertentes relacionadas coa gastronomía, na que as augardentes e licores tradicionais xogan un papel fundamental á hora de falar das bebidas espirituosas características deste recuncho do noroeste español. Neste sentido, a través das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, e o impulso que se lles da dende o Goberno autonómico, os produtos galegos lograron acadar unha maior dimensión ao ver a súa calidade e trazabilidade garantidas a través destes selos. 


Así, con estes indicadores, os produtos agroalimentarios contan cunha posición moito máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e coa certeza de que ditos produtos pasaron por rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de elaboración e comercialización. 

O sector vitivinícola reúnese para poñer de relevo a excelencia da produción galega

Te puede interesar