O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) planea poñer en marcha unha rede de psicólogos clínicos que cubran a Atención Primaria con consultas grupais.
Así o sinalou ante os medios de comunicación este mércores tras protagonizar un almorzo informativo organizado por Executive Forum España en Vigo, onde Caamaño explicou que “por unha cuestión de recursos” a Xunta non pode destinar un psicólogo a cada cetro de saúde.
Por iso, a idea é cubrir esta demanda desde a atención hospitalaria, a través dunha rede de psicólogos clínicos con actuacións “comunitarias”, con varios pacientes ao mesmo tempo.
O conselleiro recoñeceu que si haberá persoas que necesiten unha consulta “específica”, pero outros usuarios con patoloxías de saúde mental leves, como un problema de ansiedade leve, poderán saír adiante con consultas grupais.
Nelas, ademais, poderían detectarse problemas máis graves que si precisen unha atención personalizada. A pesar de todo, desde o Sergas insistiron en que isto non quere dicir que non vaia a haber consultas personalizadas, senón que se implementarán este tipo de sesións en grupo para priorizar “unha xestión correcta dos recursos”.
Doutra banda, Gómez Caamaño apuntou ás voces que din que a xente maior non entende de tecnoloxía. Segundo dixo, atendendo ao número de entradas á aplicación do Sergas, os maiores manéxana “que te cagas”, polo que defendeu que en moitas ocasións os cidadáns poderían ser atendidos desde as súas casas.