A Xunta aumenta un 8% o investimento para conservar as estradas autonómicas

A Xunta aumenta un 8% o investimento para conservar as estradas autonómicas
Francisco Menéndez, o director da AXI, no seu posto de traballo

A rede viaria de Galicia incrementouse de forma notable nos últimos anos, nos que se fixeron máis patentes, tamén, os efectos do cambio climático e a necesidade de esfozarse en manter as estradas en boas condicións para reducir os riscos. Nese contexto, o Goberno galego vai destinar o vindeiro ano un 8% máis de investimento á conservación e mellora da rede.


A Xunta vén defendendo que para acadar unha rede viaria segura e eficiente, tan estratéxica é a construción de novas estradas como o mantemento das vías existentes mediante os traballos de conservación precisos. E por iso, ademais de reivindicar con insistencia un plan de conservación para as vías do Estado en Galicia, como a A-6, tamén se aplica nas estradas da súa competencia.


Así, para manter as vías da súa titularidade nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria aos usuarios e comodidade nos seus desprazamentos, o Executivo autonómico incrementará no vindeiro exercicio o orzamento destinado a este fin, con partidas que acadan os case 53 millóns de euros. Este investimento posibilitará continuar con programas como o Plan de reforzos de firme, a conservación ordinaria e a vialidade invernal ou o programa de control de pontes, obras de paso, muros e noiros.

 

 

Unha aposta sostida no tempo


A Xunta lembra como, nos peores anos da crise económica, blindou a conservación de estradas, de modo que se mantivesen os alicerces para a recuperación económica. Nos anos da pandemia, esta decisión revelouse axeitada, dado o servizo esencial que supón asegurar a mobilidade as 24 horas de todos os días do ano.


Esta aposta do Goberno galego por manter o estado das estradas autonómicas nas debidas condicións de viabilidade, seguridade, limpeza, sinalización e comodidade tivo, cada ano durante os últimos exercicios, o seu correspondente reflexo nas contas autonómicas. No vindeiro 2024 non só se mantén esta tendencia, senón que nos Orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as partidas destinadas á conservación das vías teñen un importante protagonismo.


De feito, os preto de 53 millóns de euros que se dedican a esta materia constitúen o investimento máis algo en materia de conservación e mantemento da rede viaria nos últimos dez anos, experimentando un aumento do 30% desde 2017.


No vindeiro exercicio mantéñense as contías para tarefas fundamentais como a conservación ordinaria e a vialidade invernal, con 26,6 millóns de euros de investimentos. De feito, como cada ano por estas datas, entre o 1 e o 15 de novembro, a Xunta activa o Plan de vialidade invernal nas vías autonómicas das catro provinciais para garantir a seguridade ante as inclemencias do tempo, como a neve ou as placas de xeo nas estradas. Este plan mantense activo todos os anos nas catro provincias ata o 30 de abril.

 

O plan de reforzos de firme vai gañando cada vez máis relevancia

 

Outras liñas de actuación, como o Plan de reforzos de firme, van gañando cada vez máis relevancia. Esta medida superará o vindeiro ano os 17 millóns de euros. Nos últimos seis anos a Xunta leva licitado obras en materia de reforzos de firme que superan os 115 millóns de euros. Ademais, en 2024 vaise actuar tamén no firme da autovía do Barbanza, igual que se renovou o da autovía Santiago-Brión en 2023.


Executarase, tamén, unha actuación para completar a renovación integral do firme da autovía AG-53, entre Dozón e a A-52, estratéxica paras as comunicacións entre a capital de Galicia e Ourense.


No vindeiro exercicio destacan, así mesmo, as partidas específicas destinadas á xestión e control de pontes e obras de paso, muros e noiros das estradas autonómicas. Cómpre lembrar que a Xunta activou un programa pioneiro de xestión de pontes e obras de paso para avaliar o estado de conservación destas estruturas e asegurar o nivel de prestacións e a seguridade dos usuarios. A boa experiencia e resultado desta iniciativa levou ao Executivo autonómico a estendela á inspección de noiros e muros co obxectivo de avaliar a conservación dos sistemas de contención das estradas.


Así, nos últimos anos, a Xunta vén realizando un seguimento continuo do estado das pontes, viadutos, muros e noiros, do que se derivan actuacións de rehabilitación en caso de ser necesarias. Esta medida está a ser unha ferramenta de grande axuda tendo en conta a orografía, a topografía e a climatoloxía da comunidade. A Xunta destinará en 2024 a este fin máis de 6 millóns.


A Xunta tamén continuará, a través da colaboración con Seaga, co control da biomasa, cun contrato vixente que supón un investimento de case tres millóns de euros en dous anos. 

 

 

Francisco Menéndez | “O que buscamos é ter unha diagnose precisa das necesidades para actuar”

O director da Axencia Galega de Infraestructuras, Francisco Menéndez, sinala que en Galicia temos unha serie de vantaxes e dificultades con respecto a outros lugares no tocante ás estradas.


Menéndez explica que isto é “pola configuración e a densidade”. “Galicia é das comunidades autónomas que máis estradas teñen en relación coa súa superficie e coa súa poboación. O complicado da súa orografía, cunha costa moi accidentada, fai que haxa elementos que noutros sitios non son tan abundantes: estructuras de drenaxe, pontes ou viaductos”, sinala.


“Todos teñen os seus deseños e os seus mantementos, e tamén as súas vulnerabilidades ante fenómenos, como as chuvias torrenciais, que poden deteriolalos. E despois están os firmes, que canta máis auga, máis sofren”, di.


Porén, Menéndez expón que o aumento dos investimentos é “máis unha tendencia que un salto dun ano para outro”. “Na crise económica, a partida de conservación blindouse o máximo posible e nos anos seguintes incrementouse tamén a especifidade das partidas”, di. “Antes había unha partida única para a conservación ordinaria e nun momento dado creamos unha específica para firmes que seguimos mantendo ao longo dos anos”, comenta.

 

Estamos cada vez máis implicados no cumprimento da normativa de incendios


“E tamén creamos unha específica para a conservación extraordinaria de obras de paso, muros e taludes, que é un traballo que se vén facendo desde hai anos, pero que entendíamos que era importante significar nos orzamentos”, argumenta.


Nese sentido, tamén falou do incremento para o plan de viabilidade invernal, activo desde comezos de novembro. Así, explica que na Xunta “estamos cada vez máis implicados no cumprimento da normativa en materia de incendios, que di que as estradas son elementos importantes para servir como elementos contra lumes”. “Facemos incidencia na tala de especies que poidan favorecer a propagación dos lumes e o ano que vén comezaremos cunha nova liña que é substituir esas especies por outras que poidan ser compatibles coa non propagacións dos lumes. E todas estas cuestións tamén van tendo o seu reflexo orzamentario”, explica.


Respecto ao uso de novas tecnoloxías, sinala que “temos unha estratexia de industrialización e innovación”. “O que buscamos é ter unha diagnose o máis precisa posible das necesidades que hai para actuar en cada sitio. Para isto axudan os elementos cos que podemos procesar mellor as capturas de datos masivas, como os drons ou as capturas de imaxes desde vehículos”, di. “O obxetivo no cal traballamos é ser máis eficaces e eficientes. É dicir: que os resultados sexan mellores e que ademais podamos aforrar custes ou facer máis cousas cos mesmos recursos”, asegura.

A Xunta aumenta un 8% o investimento para conservar as estradas autonómicas

Te puede interesar