A Xunta reforza o compromiso da empregabilidade da mocidade subindo a preto de 6,3 millóns de euros o orzamento do programa de primeira experiencia profesional

―A acción forma parte da batería de medidas destinadas á forza laboral interna, chave para cubrir as demandas do tecido produtivo xunto a un plan de captación de talento que inclúe feiras de emprego na Arxentina (6 e 7 de marzo) e O Uruguai (10 de marzo)
A Xunta reforza o compromiso da empregabilidade da mocidade subindo a preto de 6,3 millóns de euros o orzamento do programa de primeira experiencia profesional
Visita do conselleiro de Emprego a Culleredo / Xunta

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo este xoves de relevo o compromiso da Xunta co pulo á empregabilidade da mocidade a través de apoios como os destinados ao programa 1ª experiencia profesional -que publicará en próximas semanas o Diario Oficial de Galicia- e ao que este ano dedicará preto de 6,3 millóns de euros de euros, o que supón un 50% máis que o ano anterior -preto de 4,2 M€-. A finalidade, expuxo, é promover a inserción laboral de máis xente nova cunha estimación de poder beneficiar a unhas 650 persoas mozas fronte ás máis de 460 beneficiarias no marco da convocatoria de 2024. 


A retención do talento mozo é unha das chaves, remarcou o conselleiro, para favorecer a competitividade e produtividade do tecido produtivo galego, abordando retos estruturais como a cobertura de vacantes. Un desafío que exixe estimular a forza laboral interna e, en paralelo, favorecer a atracción de traballadores dun xeito ordenado, vencellado a empregos de calidade e da man das empresas, priorizando en primeiro lugar o retorno de galegos da diáspora a través de ferramentas como o Retorna Cualifica Emprego. Nesta liña, e ao abeiro do plan de captación de talento implementado este ano pola Xunta, o conselleiro detallou hoxe que as feiras de emprego previstas celebraranse na Arxentina o 6 e 7 de marzo, e no Uruguai o 10 de marzo.

 

Empresa con cinco traballadores contratados co 1º experiencia

O conselleiro de Emprego realizou hoxe este anuncio no marco dunha visita á construtora Citanias Obras y Servicios, na que tamén participou o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo. Citanias é beneficiaria deste tipo de axudas da Xunta a través das convocatorias de 2022, 2023 e 2024 para a contratación de persoas menores de 30 anos. En concreto, favoreceu a empregabilidade de 18 persoas mozas —das que 16 seguen traballando nesta empresa— mediante contratos formativos de doce meses cos que adquiren competencias para poder acceder a un emprego de calidade. 


Neste sentido, José González subliñou que estes apoios dan cumprimento a un compromiso do presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días de lexislatura e que a empresa visitada hoxe exemplifica a aplicación dos apoios do Goberno galego para atraer talento novo e impulsar a remuda xeracional no tecido produtivo co fin de facer fronte, ao mesmo tempo, á cobertura de man de obra. 


Ademais, salientou que a construtora con sede en Culleredo foi galardoada o ano pasado pola Confederación Nacional da Construción co I Premio á Mellor Iniciativa para a Atracción de Talento Mozo. A isto súmase que esta firma tamén é beneficiaria das achegas para a contratación de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, estreadas o ano pasado e que este ano se inclúen no Galicia Emprega por valor de 1,7 millóns de euros.


Estratexia de Mocidade Activa

O Programa primeira experiencia profesional das persoas mozas enmárcase na Estratexia Mocidade Activa que impulsará a Xunta e que está dotada con 20 millóns de euros, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Dentro dela tamén se enmarcan, outras iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil, entre elas, o Programa Investigo, que promove a contratación de investigadores e tecnólogos menores de 30 anos, persoal técnico e outros profesionais en I+D+i, cun orzamento global de 4,8 millóns de euros e do que tamén está aberta a convocatoria, e Galicia Emprega Mozos, cun orzamento en 2025 de arredor de 3,5 M€ —iniciativa englobada na convocatoria de Galicia Emprega dotada con 20 M€ e aberta ata o 30 de setembro-.

 

Estes apoios, expuxo José González, vense reflectidos en feitos como os últimos datos da EPA, que indican máis traballo entre a mocidade ao aumentar en 7.100 (un +5,52%) a cifra de ocupados menores de 30 ou os do paro de xaneiro, onde o dato deste colectivo é o máis baixo nun mes de xaneiro desde que hai rexistros (2005). Ademais, a construción -sector ao que pertence a empresa visitada hoxe- é unha das actividades económicas nas que máis baixa o paro (-12,47% en relación a hai un ano). 

A Xunta reforza o compromiso da empregabilidade da mocidade subindo a preto de 6,3 millóns de euros o orzamento do programa de primeira experiencia profesional

Te puede interesar