Ferrolterra deu a benvida este venres en Neda ao Entroido

Ferrolterra deu a benvida este venres en Neda ao Entroido
Unha das comparsas na súa actuación en Neda I Jorge Meis

Despois de moitas xornadas de preparativos e de intenso traballo, este venres comezou unha das épocas do ano máis desexadas por todos aqueles que teñen “o corazón antroideiro, que rebule chegando febreiro”. O pavillón Ale de Paz de Neda volveu inaugurar hoxe a tempada de Entroido, que vén marcada pola choiva pero que a ben seguro non será quen de deslustrar o espíritu festivo dos veciños e veciñas das comarcas.


O desfile previsto polo executivo local tivo que ser cancelado polas condicións meteorolóxicas e as oito comparsas–Troúpele Tróupele, O Aturuxo de Melpómene, A Revolta de Trasancos, Os Colludos, A Canteira do Puntal, Os Argalleiros, Vide Vindo, As Xoaniñas de Chao– e o grupo As Caralletas que participaron no tradicional festival comezaron a festa directamente nas instalacións municipais,  fachendosas dos seus disfraces e dispostas a participar no evento, conducido un ano máis polo showman local Dani Ríos

 

Entroido Neda 2024 2Jorge Meis
Jorge Meis

 

Sobre o escenario defenderon as súas cancións, con letras en galego e cunha temática centrada no municipio ou en personeiros da vila. O xurado valorou o enxeño á hora de criticar a realidade local ou comarcal, a orixinalidade e a vestimenta. Os Argalleiros fixéronse co premio á mellor animación na rúa; A Canteira do Puntal co galardón á mellor crítica social e A Revolta de Trasancos á orixinalidade e vestimenta. Como novidade, este ano o executivo local animou á veciñanza a participar no Concurso de Disfraces, dividido nas categorías individual, parellas e grupos.

 

Narón e Ferrol

A festa trasládase este sábado día 10 ao municipio veciño de Narón, onde terá lugar un festival de comparsas e un concurso de disfraces –infantil e para adultos– na pista polideportiva da Solaina, coa participación de dez agrupacións – Tróupele, Tróupele, Os Parrandolos, As xoaniñas de Chao, Os Argalleiros, A Semente de Trasancos, Vide vindo, Os Colludos, CayeBorroka, A Canteira e A Revolta de Trasancos–.


As comparsas concentraranse a partir das catro e media da tarde no pavillón da Mocidade (A Gándara), para iniciar media hora máis tarde o pasarrúas, que recorrerá Rafael Bárez, a estrada de Castela, a avenida de Santa Icía e, finalmente, a da Solaina. Unha vez alí, arredor das 18.00 horas, comezará o festival, presentado nesta edición por integrantes das formacións Teatro Ghazafelhos. Será un xurado integrado por persoas de relevancia do mundo asociativo, da comunicación, da cultura tradicional e do Padroado da Cultura o encargado de valorar as actuacións.

 

Entroido Neda 2024 23Jorge Meis
Jorge Meis


Namentres, a axenda festiva en Ferrol comezará o domingo cunha festa infantil de temática circense na praza de Armas (de 17.00 a 20.00 horas). Haberá glitter bar, obradoiros de galletas, maquillaxe, chapas e antefaces. Tamén xogos populares, Cantabaila, photocall, camas elásticas, larpeiradas e máquina de flocos de millo. O luns será o día grande do Entroido ferrolán, coa filloeira presente na praza de Armas (de 12.00 a 14.30 e de 17.30 a 21.00) e co comezo ás 18.00 horas do desfile das 15 comparsas participantes. Unha vez rematado o pasarrúas, iniciarase a Gala e consurso de Entroido. Pecharase a época “antroideira” o venres 16 na praza de Ultramar, con festa infantil (de 17.00 a 19.00) e co festival a partir das 20.15 horas. 

Ferrolterra deu a benvida este venres en Neda ao Entroido

Te puede interesar