LETRAS ATLÁNTICAS | Daniel Salgado, poeta insubordinado

LETRAS ATLÁNTICAS | Daniel Salgado, poeta insubordinado

Hai máis de dúas décadas que sigo a escrita de Daniel Salgado, poeta e xornalista de ascendencia monterrosina e radicación compostelá. Lembro, perfectamente, a súa aparición fulgurante na escena literaria galega con Sucede (2004), como a forza da súa poética foi medrando coa publicación de Días no imperio (2004), Éxodo (2006), Os poemas de como se rompe todo (2007), Ruído de fondo (2012), Dos tempos sombrizos (2013), Ensaios (2015), O Gran Rexeitamento. Flores para Albert Ayler (2017) e Os paxaros e outros poemas (2021). Mesmo recibín con aplauso varios destes libros.


E agora Poemas realistas. E volve suceder. O abraio. A vertixe. A sensación dunha bola de demolición a esnaquizalo todo, a esfarelar as compracencias burguesas, o stablishment capitalista tal xigante con pés de barro.


E suceden, así, estes Poemas realistas porque o mestre Pasolini xa dixo que “l’impuro Realismo/ sigillato col sangue partigiano/ e le pasione dei marxisti” e cómpre reivindicalo. E son en tres tempos precedidos dun poema soarego, “As horas”, versos como unha declaración de intencións: “sobre nós esvara un agoiro”, “a guerra estala”.


E veñen despois as tres seccións líricas, innominadas, distinguidas en numeración romana. A primeira, un longo poema en cinco estacións de título abondo esclarecedor: “Sobre a nosa condición política”. Porque Salgado é corpo aberto que di dos “ceos no inicio do mes do Día dos Traballadores”, “das vellas estratexias do movemento obreiro/ para deitar abaixo as fronteiras dos estados burgueses”, da “danza repugnante da sociedade de propietarios”, do “capital contra a libre imaxinación”, “o capital contra o agradecemento”, “a economía do abuso/ e a resistencia a ela” cara a unha “ausencia/ total de escravitude, unha traxectoria implacábel/ cara ás montañas e á liberdade/ como fin último”, como sentido derradeiro da “condición política,/ procurar a destrución” da “lóxica do lucro e das árbores ornamentais”.


O segundo bloque dispón preto de ducia e media de poemas nos que o discurso irisa na pluralidade de asuntos. Aquí a metafórica crepuscular das “Pedras lambidas, negras” como fondo do estanque da sociedade aferrollada e convulsa faise evidente, mais tamén hai espazo para a homenaxe case ecfrática de “O pintor Urbano Lugrís e a estraña luz dos soños”, a parábola neoiorquina de “Poemas da hora do café, nesta ocasión”, para a compostelá “Dialéctica do barroco de placas”, a lectura fílmica de Patricio Guzmán en “Non voan paxaros sobre o lugar do masacre”, a sintonía da loita e a disolución de “A Marcha Radetzky”, a ética estética das “Mazás e néboa” ou “Día de Defuntos” ou “Falsas cerdeiras xaponesas”, o interludio fan de “Bob Dylan canta Don’t think, twice en abril”, a elexía ao “Avó Luís, en memoria”, o admirativo musical de “A liberdade ao pé do piano de Cecil Taylor” ou, en fin, o “Poema de aninovo (Santa Mariña)” saudando un novo ciclo nas terras de orixe.


O libro péchase cun poema extenso (cento longo de versos) dedicado a “Celso”, luz nova da casa. Unha escrita admonitoria, codificada como poema en versículos, onde o poeta advirte do mundo e das súas sombras a quen abre os ollos por vez primeira na “luz incerta de novembro”, para que aprenda as “cousas feroces” e que “libre é a beleza cando se desata da súa idea militar”, tamén que nunca deixa de admirarnos “a insistencia da vida, o seu abrir camiño/ mesmo entre as máis adversas condicións”, e que por iso ten sentido o labor do poeta, ese “eterno combate do poema contra a erosión”, confiado nunha maneira de entender o mundo e a Historia: que só hai futuro se as persoas “se unen entre elas en sociedade e traballan e loitan/ e mellóranse a si mesmas”, decote a “procurar a idea socialista”, ese socialismo histórico, teórico e de desideratum utópico que figura no colofón, que anuncia que o libro saíu do prelo “cento setenta e nove anos despois da Situación da clase obreira en Inglaterra, de Friedrich Engels”. 

 

Por todo iso, e por moito máis que deixo de contar por falta de espazo, acáelle a Daniel Salgado en Poemas realistas o epíteto de “poeta insubordinado”, pois como tal el se define en espello nestes versos cos que remato: “esa caste de poeta insubordinado,/ que se nega a procesar o mundo tal e como é”, que “percibe a minúscula traxedia do outono/ e a manifestación mol do noso resentimento”.

LETRAS ATLÁNTICAS | Daniel Salgado, poeta insubordinado

Te puede interesar