Este xoves día 30 celebramos o Día da Ilustración, unha data relevante do calendario cultural galego que cada ano homenaxea un profesional do ámbito lembrando a súa traxectoria nesta data tan sinalada na que se conmemora, tamén, o nacemento de Castelao.
Pois ben, dende 2017 o Día da Ilustración ten recordado grandes artistas galegos que merecían ser redescubertos polas novas xeracións de lectores e creadores, seguindo unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e mais da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Así, teñen sido homenaxeados nestes anos históricos da ilustración como Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño, Reimundo Patiño, María Antonia Dans, Chichi Campos e nesta ocasión, por vez primeira, un autor aínda en plenitude creativa: Xosé Vizoso.
É pouco menos que imposible sintetizar nunhas cantas liñas a abraiante traxectoria artística deste mindoniense universal. Aos seus case que setenta e cinco anos, Vizoso ten desenvolvido un brillante labor en todos os eidos imaxinables da creación plástica: ilustración, deseño cerámico, deseño de carteis, escultura, muralística, caricatura, retrato, deseño de logotipos e mesmo escenografía teatral. Nada que precise dunha imaxe que o defina foi desatendido polo seu talento rebordante.
Con apenas dezaoito anos e da man do seu mestre Juan Puchades, animouse a presentarse ao Premio Nacional de Escultura, que gañou en 1968. Xusto despois comezou a traballar en Sargadelos a carón doutro titán, Isaac Díaz Pardo, con quen formou o tándem ideador de todas as icónicas pezas e produtos saídos desta factoría, da que foi director do equipo de deseñadores dende 1988 ata a súa xubilación.
Pois ben, con motivo deste Día da Ilustración a Cidade da Cultura inaugurou unha magna exposición co título Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo que alberga unha escolma representativa dos seus numerosísimos traballos. Non é o único recoñecemento que mereceu o artista nos últimos tempos, pois tamén no Pazo de San Marcos en Lugo pode visitarse a mostra ‘Universo Vizoso’, homenaxes actuais que veñen sumarse a outros fitos importantes como, por destacar tan só un, o seu nomeamento como fillo predilecto de Mondoñedo en marzo de 2017, ocasión para a que se elaborou o volume colectivo Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo Predilecto de Mondoñedo, no que tiven a fortuna de poder testemuñarlle a miña amizade de tantos anos escribindo sobre a súa faciana de ilustrador.
Seguramente as súas pezas de cabalos de Sargadelos e os seus murais das San Lucas, das festas de Cervo ou da Santa Minia e outros eventos son os traballos que todos asociamos de primeiras con este xenio do deseño, mais sorprendería saber que outras pezas e imaxes se lle deben, dende as billas de cervexa dunha marca coruñesa que hai en tantos bares de noso ata logotipos como o da Fundación Xosé Neira Vilas (da que, por certo, é padroeiro), pasando polo deseño de millenta cubertas de Manuel Reimóndez Portela, Xosé Fernández Ferreiro, Anisia Miranda, Marica Campo, Lois Tobío ou Rosalía Morlán, por amentar só algúns exemplos.
O que isto escribe hónrase en ser o seu amigo dende hai ben tempo e ten de lle agradecer marabillas visuais como, poño por caso, a cuberta do meu libro Mondoñedo literario (2014), da edición que preparei do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas (2015) ou da cabeceira que o meu blog Criticalia luciu a partir de 2015. Vaian, pois, dende aquí os meus máis entusiastas parabéns para o inmenso Xosé Vizoso pola súa designación como persoeiro homenaxeado neste Día da Ilustración, ao tempo que convido a visitaren a fantástica exposición da CDC que fai xustiza e este home que naceu cun lapis na man.