LETRAS GALEGAS | O libro dos desassossegos

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe sobre o catálogo da mostra antolóxica de Manuel Patinha
LETRAS GALEGAS | O libro dos desassossegos

De Manuel Patinha, “O Libro dos Desassossegos”, así, ao Fernando Pessoa. Un poeta tan vitalmente atormentando (valla o oxímoro) cal este artista de Povoa de Santa Iria, de 1949, mais tanto tempo xa afincado aquí, en Narón, en Ferrol, que semella imposible desasimilalo da nosa paisaxe humano-urbana. E agora, logo de tantos anos, Patinha veu dar no Torrente Ballester, boa idea rebautizar o vello Hospital de Caridade co nome dun autor que nacera nunha casa veciña, despois absorbida por este (declaracións de Don Gonzalo ao Padre Carlos Polo, recollidas en “Galicia en sus hombres de hoy”). 


E o conto é que Manuel Patinha, véxase unha vez rematada a exposición o espléndido catálógo, “Desassossegos (1970-2024) (Concello de Ferrol/ Centro Torrente Ballester, Ferrol 2024), veu encher o “Torrente Ballester” dun luxo inusitado, da cor resplandecente que alumea parte da súa obra, surrealista, figurativa, mesmo con certas últimas incursións no “pop”. Mais non ao Warhol nin demais fedellóns da materia de consumo, que Patinha explora/ explota os lindeiros da cor atra mudalos nunhas xeometrías progresivas un poco ao xeito do “rock” novo aquel que se impuxera ao redor de 1970, cando Manuel Patinha comezaba ser, da man de Cruceiro Seixas, mariñeiro en terra. 


Viña sendo xa ese eterno aprendiz que se fai mestre través das diferentes artes que se podían ollar nesta mostra compresiva, feita con rigor, estructurada en catro apartados: pintura, escultura, gravados e fotografía. Si, seino ben, existe igualmente, e de que que maneira, desasosegante e desasosegada, a materia poética, inserida no curso vital de Manuel Patinha, un pé aquí, outro acolá, a ultrapasar sempre as barreiras. As alfándegas, un ollo na vida, outro na que non ten volta, senón por medio da ollada de Patinha, mestre ilimitado do aceiro sinfónico ata facer del un anxo violento,  por revirado, que nos leva alén da derradeira liña dos chalés que cantaban Belle and Sebastian. 


Un luxo descomunal o que contén unha obra en evolución contiua, na que botei en falta, nesta exposición, digo, as arpilleiras aquelas nas que o Patinha traballara un tempo, e do que son posuidor dunha mostra, un pouco ao xeito de Eugenio Arias, o barbeiro de Picasso, criador do museu de Buitrago del Lozoya, que leva o nome do pintor malagueño. 

 

O que me leva a pensar que que bo sería que Narón, por exemplo, se fixese cargo dun lugar que abeirase a obra de Manuel da Silva Marques Patinha, un artista total, artífice dunha obra amplísima, a ocupar xa espazos públicos entre nós. Bo sería que canto leva exercitado fixase concentrado con xeito e didactismo. Ese que tivemos ocasión de ver días pasados no “Torrente Ballester”, eu mesmo da man de Patinha como “cicerone”, o mellor posible. Que quen pida e deba tome nota desta petición, a prol de quen xa é fillo adoptivo de Narón. Honra mutua.

LETRAS GALEGAS | O libro dos desassossegos

Te puede interesar