14 de Abril

Antonte mesmo, venres 11 de abril, o salón de plenos do Concello da Coruña acolleu un emotivo acto: a entrega a familiares de seu dos restos de tres dos miles e miles de asasinados por elementos da sublevación fascista contra o goberno legalmente constituído após as eleccións do 16 de febreiro de 1936.
Os cadáveres de Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete (seu fillo) e Juan Boedo Pardo foron exhumados –froito do labor incansable da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica–, o 19 de setembro de 2023, no cemiterio de Bértoa (Carballo),, onde foran clandestinamente enterrados en fosa común despois de teren aparecido mortos, por impactos de bala, 87 anos antes.


A algún familiar que interviu no acto escoiteille dicir que os mataran por republicanos. Así é, efectivamente, mais, se cadra, sería máis acaído dicir que os asasinaran por defensores da legalidade política.


Cando escoito falar de represalias aos republicanos, por seren iso, sen máis, sempre me vén á cabeza o que, entre risas, lle escoitei contar ao escritor Xerardo Díaz na súa casa do Cerro de Montevideo, onde tantas horas teño desfrutado con el e coa súa familia. Na primeira entrevista que lle fixeran, cando comezou a publicar literatura, preguntáranlle por que fora represaliado e el contestara que por ser republicano, resposta que deixou pasmada á xornalista uruguaia. “Aquí somos todos republicanos y no persiguen a nadie por eso”, manifestou. Tal cal. Eran todos republicanos, mais cadaquén da súa cor. Como en Galicia e en España enteira.


E penso tamén en Manuel Iglesias Corral, que, en 1936, foi nomeado Fiscal Xeral da República –nada menos!– e apenas sofreu represalias. Era republicano e figura política relevante. Tanto é así que nas primeiras eleccións após a morte do ditador, as de 1977, figurou –xunto a Carlos Amable Baliñas e Sebastían Martínez-Risco Macías– na Candidatura Democrática Galega da provincia da Coruña, que contaba co apoio do PSOE. “Ábrelle a Galicia as portas da Democracia”, era o lema.


O caso é que a República Española, que, o 14 de abril de 1931, nacera entre vivas mostras de esperanza, postas de manifesto polo fervor popular, acabou baixo a bota dos militares golpistas sublevados, ao servizo do nazi-fascismo internacional, o 1º de abril de 1939.


E isto cómpre non esquecelo nunca. Milleiros e milleiros de persoas mortas nas frontes de batalla durante case tres anos e milleiros, tamén, de asasinatos levados a cabo polos vencedores nos case corenta anos que durou a ditadura. Morreu o ditador e deixounos un sucesor posto a dedo.


As Cortes constituíntes, electas en 1977, optaron por non restituír a legalidade republicana interrumpida pola sublevación do 36 e tragaron coa designación do sucesor feita polo ditador. Nin sequera tiveron a decencia de someter a referendo o modelo de Estado. Non debían ter moi claro que a xente quixese votar monarquía.


Como di Víctor Manuel en “Canción de la esperanza” –do LP ‘Soy un corazón tendido al sol’ (1978)–: “Siempre había soñado que se irían de una vez / nunca había soñado con un Rey. / Es muy desigual esta partida de ajedrez / ellos tienen votos y el poder. / Prosigamos con la lucha siempre viva / en la oficina o el taller, / que la historia nos empuja maldiciendo / en una mesa de un café”. Así foi, e así é porque, como din un par de versos doutra estrofa: “Que no cese la esperanza acorralada / muerto el perro no se fue con él la rabia”.

14 de Abril

Te puede interesar