Que demos está a pasar na RFEF?. O Sr Rubiales presidente dende o ano 2018 está sendo obrigado a dimitir disque por unha agresión sexual, un bico seica non consentido a unha xogadora da selección feminina, flamante campioa do mundo.
Ao longo de case cinco anos de mandato impecable, segundo algúns, é acusado de varios escándalos denunciados nos medios de comunicación social, convertendo o país nun clamor contra el, seguramente por intereses creados.
Nin coñezo nin sei da traxectoria deste home polo que neste meu apunte non trato de culpalo nin de defendelo, cousa que terá que facer a lei que para eso está.
Prensa, Radio e TV non paran de falar do caso que é como unha caza de bruxas buscando a dimisión como única saída ao problema. Semella que non hai novas máis importantes no país.
Na asemblea celebrada o venres o protagonista manifestou e repetiu ata cinco veces a súa decisión de non dimitir, coa que estou de acordo. A “Lex sed dura lex” ten a palabra.
Á vista das imaxes que nos presenta acotío a TV, non vexo agresión sexual por ningún lado, máis ben o bico, pico como din eles, semella consentido. En ningún momento se aprecia rexeitamento por parte da suposta agredida, senón todo o contrario.
En calquera caso pedir a dimisión do Sr Rubiales polos seus supostos escándalos, baseándose neste feito, semella unha solución bastante cativa e fora de lugar.
Estamos nun estado de dereito así que xulguen a este home como el mesmo reclama e que caia quen caia, os que están e os que son, que como digo na cabeceira, algo cheira mal na RFEF.
E morra o conto, abonda xa de tanto marear a perdiz, que temos neste noso país cousas moito máis serias nas que pensar.